O pivote opina que o conxunto dezano gañou en cantidade e calidade de efectivos, e considera que o equipo irá a máis
23 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Roberto Granja foi, xunto con Pincho, o máximo anotador do Embutidos Lalinense Balonmán Lalín na primeira xornada de Liga ante o Zamora. Aporta solucións, goles e a veteranía propia dun xogador que cumpre 14 tempadas no primeiro equipo, e que supón un dos pilares que sustenta ao conxunto lalinense.
-Xa pasou a primeira xornada de Liga. ¿que tal viu ao equipo?
-Empezamos con bastantes imprecisións, non sei se polos nervios. Penso que se cometeron máis erros dos que corresponderían á calidade e experiencia que se nos presupón, porque temos perdas de balón e malos lanzamentos. A pesar de todo, sacamos o partido, e bastante ben. Sempre nos custa coller ritmo ao inicio da tempada, pero pásanos todos os anos igual; ata que pasan tres ou catro partidos andamos todos, sobre todo os máis veteranos, co pé cambiado, pero non é nada novo.
-¿O Embutidos Lalinense que vimos ante o Zamora contou a verdade?
-O primeiro partido da Liga non conta a verdade do estado dos equipos. Nos anos que levo xogando, o primeiro encontro non é do peor da tempada, pero tampouco dos mellores, porque sempre custa un tempo axustarse e coller ritmo. Pode contar verdade no estado físico, pero a nivel técnico ou de atino é mentira.
-Entón, hai marxe de mellora.
-Si, ademais, o outro día saímos coas baixas de Josiño e Martín, que tacticamente son xogadores moi completos e que nos aportan moitas solucións. Por exemplo Josiño -aínda que Adrián cumple perfectamente- é moi difícil de suplir porque nos aporta circulación e diferentes variantes que o outro día non tivemos. Ante o Zamora a expulsión de Roberto Álvarez deixounos cedo sen máis opcións na primeira liña.
-Cando menos, esta campaña chegaron reforzos importantes.
-Si, veñen a aportar cantidade, pero sobre todo calidade. Roberto Álvarez vén de traballar nunha categoría superior, Rubén foi e segue sendo un grandísimo xogador, e Gustavo, aínda que levaba un ano sen xogar, aporta moito.
-¿Que podemos agardar entón deste equipo?
-Imos traballar partido a partido e tentar dar o máximo rendemento para rematar a Liga o máis arriba posible. Igual quedamos primeiros, segundos, ou quintos, pero imos a esforzarnos todo o que poidamos. A competición é moi longa e poden pasar moitas cousas. As pretensións que nos colgan, tralo ano pasado, e ao ter reforzos, deixannos primeiros ou segundos, pero penso que hai que ir con tranquilidade. As Ligas son moi longas, e ademais sempre hai un plus de sorte que che pode dar os catro ou cinco puntos que son a diferenza entre ser primeiros ou cuartos.
-Todo conta.
-Todo, incluso como comezas a Liga. É importante sumar puntos rápido, porque che dan confianza.
-A nivel individual, ¿que tal se atopa?
-Estou adestrando bastante ben e con continuidade. Non tiven incidencias nos xeonllos na pretempada, espero seguir así. Son dos que me custa máis coller ritmo, pero mentres os xeonllos me vaian respectando, todo marcha ben.
-Tras anos reclamándoo, por fin teñen novo pavillón.
-Si, é un salto de calidade por instalacións e comodidade e a nova superficie vainos axudar a previr lesións de xeonllo, sobrecargas... Para o público, un espazo tan grande, queda algo desanxelado.