O Embutidos Lalinense non afrouxa e segue coliderando a táboa

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

DEZA

05 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Embutidos Lalinense Balonmán Lalín continúa adiante co seu romance coa vitoria. O pasado domingo o cadro dezano venceu 27-26 ao Lavadores nun encontro que se puxo costa arriba para os de Alberto Miguélez na primeira metade ao non estar atinados os locais de cara a portería. O cadro roxinegro errou un bo número de lanzamentos, e a pesar de que a defensa firmou un primeiro tempo correcto, a mala bagaxe ofensiva (dous goles en 15 minutos) permitiu ao Lavadores ir por diante no luminoso. A medida que a plantilla de Miguélez se daba conta de que a derrota era unha posibilidade, foi apretando e traballando máis a fondo, recuperando distancias ata ir ao recreo dous por abaixo (11-13).

Tralo receso, o plantel roxinegro mellorou en todas as facetas do xogo. Defensivamente adaptouse mellor ao rival e arranxaron mellor saídas e blocaxes; no factor ofensivo o Embutidos Lalinense estivo máis afortunado á hora de aproveitar contraataques e na selección de lanzamento, que na primeira metade fora moi precipitada. Con estes argumentos, e a base de traballo, o Lalín superou os impedimentos que se lle sucederon nos segundos trinta minutos en forma de exclusións. A escuadra local sufriu 8 exclusións (por unha do Lavadores) na segunda metade, e no minuto 46 perdía a Roberto Granja por acumulación de dous minutos. Por se xogar 16 minutos cun home menos fose pouco obstáculo, o ritmo entrecortado que adoptou o xogo non fixo máis que poñer costa arriba o traballo aos de Miguélez, que a pesar de todo deron a cara e conseguiron o trunfo 27-26 final.

Espírito gañador

As circunstancias que rodeaban o encontro, un día despois de que boa parte da plantilla asistise á voda do ex roxinegro Diego Sieiro, convertían o partido co Lavadores nun exame para o Lalín. A nota final foi positiva, e aínda que o xogo tivo pros e contras, a actitude foi para Alberto Miguélez o máis positivo da xornada. «A pesar de que aínda non atopamos o noso xogo, vese que hai espírito gañador e loitase», subliñou o adestrador do Embutidos Lalinense, moi satisfeito de sacar adiante un partido importante. «Aínda non conseguimos ofrecer o mellor de nós mesmos, pero salvamos os partidos, e estamos aí», engadiu.

Como queda a táboa

Novás, Embutidos Lalinense e Porriño son os tres equipos que colideran a Primeira Nacional A logo dos tres primeiros encontros da tempada. Chapela, Medicentro Gijón e Xiria contan 4 puntos no seu haber, e Seis do Nadal, Zamora e OAR suman 3. Avilesina, Lavadores e SAR teñen un punto, e Cisne e Base Oviedo aínda non inauguraron o seu casilleiro.