Superado o encontro en Carballo, o Embutidos Lalinense Balonmán Lalín pensa xa unicamente no Balonmán Porriño, o seu quinto rival da tempada, e o terceiro que visita a pista do Lalín Arena este curso. Para o encontro de mañá, a única dúbida que se manexa na plantilla dezá é a de Roberto Álvarez. O xogador levaba xa algúns días queixado por unha sobrecarga nun xemelgo, e o encontro ante o Xiria non fixo máis que acusar esa molestia ao recibir un golpe, sinalou o adestrador lalinense, según Alberto Miguélez. A pesar de que Álvarez non puido traballar a pleno rendemento durante a semana, o técnico confía en que poida entrar na convocatoria e ter minutos.
Adianto do encontro
O Embutidos Lalinense xa coñece a data e hora na que xogará fronte ao Base Oviedo o seu sexto partido de Liga: será o venres 22 ás nove e media da noite. Dende o club dezano explicaron que a entidade asturiana propuxera trasladar o encontro para o domingo para poder dispor de instalacións, pero esa opción non convenceu ao BM Lalín, que doutro xeito se vería obrigado a pernoctar en terras asturianas. Dende o club «roxinegro» propuxeron que se modificara a orde do partido, xogando en Lalín nesta volta, e en Oviedo na segunda, pero esta posibilidade non tivo boa acollida no club ovetense. Ao final, optouse por un día e unha hora pouco habitual: un venres pola noite.