Tralo revés da semana pasada ante o Xiria, o Embutidos Lalinense Balonmán Lalín afronta nova xornada de Liga. O cadro de Alberto Miguélez visita (18 horas) ao Porriño nun encontro con dous rivais en similares condicións. O meteórico Porriño da primeira volta foise diluíndo conforme o paso das xornadas, seguindo unha estela similar á do BM Lalín, polo que esta tarde as dúas escadras pugnarán por demostrar que o seu arranque ligueiro non foi só un espellismo.
O equipo de Lalín necesita unha vitoria para revitalizarse numérica e anímicamente. A pista do Arena semella estar xogando en contra dos de Miguélez, que dun tempo para aquí asinan mellores resultados lonxe da capital do Deza. Ata o responsable do banquillo lalinense recoñece que a presión pode estar xogando en contra das intereses do seu equipo e sinala que «temos que facer na casa o que facemos fóra. Nas saídas semella que estamos máis tranquilos, e está claro que non podemos falar de crise, porque nunha semana non se che esequece todo o que fas ben», considera o adestrador do Embutidos.
A sabendas logo de que a liña a seguir é a que se está asinando como visitante (salvando a excepción do paupérrimo partido protagonizado en Zamora), Miguélez sostén como liñas mestras o «estar máis tranquilos, defender máis forte, atacar con pausa e ser máis equipo», catro puntais que ante o Xiria se esvaeron.
Ollo co ataque visitante
«O Porriño é un equipo forte pero irregular coma nós», indica Alberto Miguélez, «aínda que está nun baixón e a súa situación non é sinxela, sempre é unha cancha complicada». De aí que o equipo roxinegro viaxe con todas as precaucións para enfrontarse a un rival que na primeira volta gañou de un gol no Arena.
As consignas que se estiveron escoitando estes días no multiusos subliñan sobre todo a urxencia de presentar unha defensa moi sólida. «En ataque teñen moita calidade e contan cun bo lanzamento exterior», polo tanto, «temos que estar moi atinados en defensa e a partir de aí sacar rápido», un aspecto no que os de Miguélez tampouco estiveron finos no seu último compromiso.
A dúbida de Roberto
Roberto Granja é a dúbida máis seria que ten Miguélez para o desprazamento de hoxe. O xogador sufriu un golpe o sábado que desembocou nunha inflamación nun dos maltreitos xeonllos do pivote. Canario, que apenas adestrou, podería entrar de novo en convocatoria.