Contan os maiores de Chanteiro que non hai nin medio século que se podían ver polos camiños da parroquia á Nicasia e ao Bonifacio. Saían polo entroido alá polos anos cincuenta e sesenta para animar o cotarro por onde pasaran.
A parella fora o froito dun grupo de veciños de Chanteiro. O Moreno, O Cané, Moncho do Manxol e Lolo do Outeiro eran os alcumes dalgúns deles. Este último enxeñou un día unha parella de bonecos articulados para levar ás festas, con cintas nos pes para agarrarse aos seus respectivos acompañantes e botar cantas pezas quixeran ao son da orquestra. Parte desta historia foi recollida no diario electrónico romayo.blogspot.com para evitar que se perdera. Pero os veciños foron este ano máis aló, e decidiron recuperar as tradicións.
A mediados do século pasado, din que a parroquia aresá era un bulir de xente polo carnaval. «O Entroido duraba ata catro semanas», contan. E non era de estrañar o ben que o pasarían os veciños disfrazados, de porta en porta, pedindo freixós e demais doces típicos para despois compartir na festa.
O caso é que os chanteireses de agora quixeron lembrar esa tradición e onte mesmo levaron polas rúas de Ares de paseo a aquela Nicasia e a aquel Bonifacio (Nica e Boni, para os máis achegados), principalmente, para dalos a coñecer entre os novos e para dar tamén de que falar aos maiores, xa que moitos lembrarán as súas falcatruadas de cando eran mozos.
De feito, a parella de entroidos chegou, como relatan os promotores desta iniciativa, a transcender fora das fronteiras municipais. Os dous actuaron mesmo na comarca de Ferrolterra e, máis alá, en concellos como os de Sada e Betanzos. Ate os veciños de A Coruña chegaron a ver a Nica e a Boni pola praza de María Pita.