A actriz, dramaturga e narradora Fusa Guillén presentou onte na galería Sargadelos de Ferrol o seu libro O segredo do faiado . Un volume ilustrado que recolle a súa última obra, unha peza teatral pensada para «rapaces e adultos» no que a autora reflexiona sobre a preservación da paisaxe o sobre as distintas maneiras nas que o paso do tempo nos fai lembrar os territorios da infancia.
«O teatro escrito precisa que se implique o lector no texto», di Fusa Guillén, mentres sinala que, por desgraza, hoxe non é moito o «teatro para ler» que se publica. Un teatro -o que se difunde en forma de libro- que aínda estando concibido para a súa lectura resulta igualmente apto para a súa representación sobre o escenario, segundo subliña a autora, xa que na súa escritura non se utilizaron claves estritamente narrativas, senón sobre todo as claves que o xénero require para que a obra poida ser representada por actores. É dicir, claves como o da austeridade na descrición dos ambientes, imprescidibles para «non complicar as montaxes».
A arte de contar contos
Despois de desenvolver durante longos anos un intenso labor como actriz, Fusa Guillén -que ademais foi mestra, pero que ao concentrarse no mundo da arte foi deixando o ensino- ten hoxe entre as súas actividades principais a de contacontos. Unha actividade, precisa ela, que non só se dirixe aos nenos. «Os adultos tamén son un público moi bo para os contacontos. E como veñen polo seus propio pé -sorrí a autora de O segredo do faiado -, sempre poñen a máxima atención».
A cuestión, en último termo, di Fusa, é que á hora de dirixirse a un auditorio, sexa cal sexa a súa idade, o importante é elixir ben o conto que se vai contar. E despois utilizar os recursos escénicos necesarios -iso é algo ao que ela lle dá moi importancia, como dramaturga e actriz- para que ese público se sinta próxima a quen narra e ao narrado. A complicidade, tamén nese caso, di Fusa, é fundamental.