Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Carta dirixida aos políticos eumeses

La Voz

FERROL

02 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Estimados políticos, todos: Son un pai dun neno que xoga nas categorías inferiores do equipo de fútbol do Eume. Diríxome a vostedes, xa que (segundo parece) por non chegar a un acordo entre institucións públicas provinciais e cargos políticos locais, véxome na obriga de ir todos os venres ou sábados có meu fillo acompañándoo a xogar en campos alleos ao noso, e por toda a comarca de Ferrolterra onde participamos na liga de fútbol 7. O motivo de irmos a campos alleos é que non dispoñemos de condicións normais no noso campo (de terra) e outra sería pola falla de alumeado para poder xogar nos días de inverno polas tardes. Considérome un mendigo, levando de campo en campo ao meu fillo, e de semana en semana e ano tras ano, a un lugar onde poidan xogar decentemente.

Son sabedor das facilidades que se acadan da Deputación da Coruña para conseguir campos de herba artificial, así podo ver que todos os pobos onde xogamos téñeno conseguido, agás o noso. Concellos con moitos menos habitantes que Pontedeume e cunha historia no fútbol moi por debaixo do noso Eume. Non o podo comprender. E coma min, todos os pais e familiares dos rapaces de todas as categorías. Penso que o peor campo e instalacións que existen na bisbarra son as nosas.

Aínda con esas este noso club organiza campeonatos de fútbol 7 a nivel internacional. ¡Qué vergoña pasamos cando se chega a estas instalacións do século pasado, sen alterar o máis mínimo dende hai trinta anos!

Por todo elo pídolles a os nosos políticos locais e aos responsables da Deputación e outros estamentos coma a Xunta que se poñan de acordo xa para que poidamos gozar dunhas instalacións deportivas do século XXI e acordes ao noso pobo. Para que gocen del os nosos fillos e os nosos netos. Isto non é bo só para o Eume Deportivo Fútbol Club, senón que é bo para todos os eumeses e galegos en xeral. Confío en que estas letras sirvan de acicate para algunhas das persoas aludidas. Despídese atentamente, Jesús A. Leira Pena.