«O obxectivo do caso 'Virgin' era desgastar ao alcalde»

A. Bruquetas FERROL/LA VOZ.

FERROL

06 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, recibiu hai unha semana a nova de que a Audiencia Provincial da Coruña arquivou de forma definitiva o caso Virgin, que investigaba unha trama de suposta corrupción urbanística na vila mariñeira. As pesquisas da Garda Civil salpicaron ao rexedor que, sen embargo, sempre tivo clara a súa inocencia. «Podo cometer erros, pero o que nunca farei é poñer o cazo», di e engade: «Foi o momento máis triste de toda a miña carreira política».

-¿Como acolleu o arquivo definitivo do caso «Virgin»?

-Co sabor amargo de quen se sabe inocente e tarda demasiado tempo en demostralo. Por outro lado, sempre tiven confianza na Xustiza. Colaborei ao máximo para que tivesen toda a información durante a investigación e o resultado é un auto impecable no que non só se di que os acusados eran inocentes, senón que subliña que nin tan sequera había indicios de delito.

-¿Sente que neste asunto houbo mais política que trama?

-O obxectivo do caso era desgastar ao alcalde. Xente vinculada a Esquerda Unida e o PSOE como Pilar Díaz, Ramón Tuimil e Manuel Fariña foron a ver ao fiscal para dicirlles que Mugardos era Marbella. Pedían a miña dimisión a cada momento e aproveitaban os encerros contra a planta de gas para ataca á miña imaxe. Todas estas persoas que se subiron nunha campaña de mentiras, difamación e calumnias o mínimo que deberían facer é pedir perdón publicamente.

-¿Foi un dos seus peores momentos na política?

-Foi o momento máis triste dende que estou na política, porque se estaba facendo dano á miña persoa, pero tamén ao pobo de Mugardos. Seguro que a nosa vila estará ben gobernada no futuro, pero por agora os veciños poden estar seguros de que o seu alcalde é unha persoa humilde, honrada e honesta, que foi o que me ensinaron os meus pais. Toda a miña vida política está marcada por dar o máximo por Galicia, en xeral, e por Mugardos, en particular.

-Aínda que satisfeito polo auto, pensa que a ferida segue aberta...

-Podo perdoar, pero non esquecer o dano que lle fixeron tanto a Mugardos como a miña familia. Este caso debe recordarse para que non volva a suceder algo similar. Xa o dixen antes, eu confío na Xustiza e penso que algún día todo este mal terá que ser reparado.

-¿Durante todo este tempo sentiu o respaldo do seu partido?

-É unha das cousas que permitiume saír cara adiante. O BNG sempre confiou na miña inocencia e teño que agradecer o apoio non só dos meus compañeiros, senón tamén da xente de Mugardos que creron no alcalde.

-¿Perdeu algún amigo co caso «Virgin»?

-Non, porque a xente que me coñece de verdade, de toda a vida, sabía que era imposible que eu estivese implicado nunha suposta trama de corrupción urbanística destas características.