Si comparamos o compromiso dos Gobernos da Xunta e do Estado con Ferrolterra, a conclusión é clara, mentres o Goberno de Zapatero mantén, por sétimo ano consecutivo, un investimento superior á media nacional, 515 euros por habitante aquí fronte a 355 euros en España, o Goberno de Feijoo inviste menos que a media galega, 190 euros por habitante en Ferrolterra fronte a 297 euros en Galicia.
O Estado inviste case tres veces máis na comarca que a Xunta; 103 millóns de euros fronte a 38 millóns, pero ademais faino en obras que tería que financiar a propia Administración autonómica como o saneamento da ría que a Xunta abandona na marxe sur.
Mentres os Presupostos Xerais do Estado manteñen o investimento e o compromiso político coas grandes infraestruturas, a Xunta só mantén recursos para rematar a variante de Ortigueira sen dar comezo a ningún outro novo tramo do corredor entre Ferrol e San Cibrao. Tampouco acomete proxectos como a estrada Ferrol-Cedeira a pesares da reivindicación unánime do Pleno e dos 18 mortos dos últimos anos.
En relación ao tren reafirmo, igual que o ministro José Blanco sempre que ten ocasión, que a conexión ferroviaria có porto exterior de Caneliñas é unha prioridade, que estamos acelerando a súa tramitación e que terá as dotacións orzamentarias precisas en cada exercicio para se executar.
Na aposta pola dinamización do tecido produtivo o ministro de Industria aporta 56,7 millóns de euros dentro do Plan Ferrol, a Xunta recorta a cinco millóns de euros o Fondo de Capital Risco de 12 millóns de euros que deixou habilitado o Goberno de Touriño.
Pero os orzamentos non o son todo, tamén conta a capacidade de xestión, por exemplo: mentres o Goberno Central acaba de comprometerse no mantemento dos postos de traballo directos e indirectos derivados da actividade da central de As Pontes, afectada negativamente polo Decreto do Carbón, e tamén coa creación dunha Comisión de Seguimento cos sectores implicados e cos alcaldes, os veciños de Covas esperan durante longos meses a que o conselleiro de Medio Rural teña a ben reunirse con eles e có Concello de Ferrol para executar a concentración parcelaria que o Goberno Touriño deixou disposta; ou segue sen resolverse a declaración de Ferrol Vello como Ben de Interese Cultural, ou anúnciase dende a Consellería de Educación unha nova Facultade de Inxenieiros Industriais para Lugo, ou o Plan de Mobilidade Metropolitana segue sen ser aprobado, aínda cando o financiamento será a cargo dos concellos.
Sabido é que ningún orzamento por si solo resolve todas as necesidades, pero a este ritmo, Zapatero cumprirá con Ferrol nesta lexislatura e Feijoo necesitaría dez máis.