Repite por terceira vez de cabeza de lista dos nacionalistas
19 ene 2011 . Actualizado a las 13:04 h.«Levo case 33 anos da miña vida ligado ao nacionalismo», preséntase o que será o candidato, por terceiro mandato consecutivo, do BNG á alcaldía de Narón, Pablo Villamar. Nado «en 1961, en San Mateo de Trasancos», e técnico de organización de Navantia de profesión, indica que accedeu en torno a 1977 ao mundo da política porque, «dende moi novo, sempre fun facendo conciencia pouco a pouco a través da lectura». Foi no ano 1999 cando o seu nome figurou por primeira vez nunha lista electoral, xa en Narón, «acompañando a Manuel Polo, que era o candidato». O pasado 19 de novembro, a asemblea local do BNG referendou o seu nome como cabeza de lista.
¿Que foi o que o animou a presentarse de novo?
O BNG representa unha organización seria e responsable que deu mostras de ser un grupo importante. Dentro diso, déuseme a posibilidade de encabezar ese proxecto de conseguir que o nacionalismo teña máis presenza en Galicia.
¿E cales son as súas pretensións?
Temos un dos grupos máis cohesionados e con experiencia na corporación. Está preparado para gobernar. E a iso hai que sumar a miña experiencia de goberno como vicepresidente da Deputación. Gustaríame ser alcalde do meu concello, e cando me presento é para selo. Pero para iso teño que buscar a confianza dos cidadáns, e iso ímolo saber o día 22 de maio, que será cando se coñeza a enquisa definitiva.
Dentro dos escenarios posibles, ¿está o BNG disposto a formalizar un pacto?
Sei que en Narón vai ser moi difícil que calquera dos partidos acaden maiorías absolutas. E non temos nada en contra dos acordos para conseguir gobernos estables. É unha situación normal. Ata na convivencia, un matrimonio é igual que un bipartito. En maio veremos cales son os resultados e, a partir de aí, haberá que preocuparse de que Narón teña un goberno estable.
¿Que ten que ofrecer o BNG aos votantes naroneses?
Nestes momentos ten que aportar iso que PP e Tega fixeron mal, que foi poñer este Concello nunha situación económica difícil. A nosa aposta ten que ser a de sanear as nosas contas. Tamén a creación de emprego, seguido dos temas de benestar social e o urbanismo. Neste sentido, eu sempre trato de diferenciar entre a construción e o urbanismo. E moitas veces, estes dous factores non están compensados. Temos que facer un esforzo importante por acadar un urbanismo de calidade.
¿Refírese ao novo plan de urbanismo?
Hai un plan en elaboración que temos que aprobar e que moitos veciños están esperando por el, que o aprobemos co máximo consenso, para facer de Narón un concello máis vivible, con máis espazos verdes e máis servizos.