O ferrolán, que triunfou no programa do cómico catalán, di estar abraiado coa súa repentina popularidade
25 feb 2011 . Actualizado a las 15:34 h.Alfonso Tellado tan só quería pasar unhas tranquilas «vacacións de xubilado» en Cataluña, pero o tiro saíulle pola culata. Tras a súa participación en Buenafuente o pasado martes -onde foi nomeado Cachondo del día-, o teléfono deste sindicalista ferrolán da CIG, xa retirado e que foi no número 5 das listas do BNG en Ferrol, non deixa de soar. O seu correo electrónico está atascado con decenas de mensaxes que o felicitan por exercer de «galego retranqueiro». «Alfonso Alfonso» -como quedou rebautizado nos estudios de El Terrat- arrasa na Rede.
-Non sei se o saberá, pero a súa conversa con Buenafuente está tendo moito éxito en Internet.
-Estou totalmente abraiado. Hai nada recibín unha mensaxe no teléfono que me dicía «Viva el humor inteligente. A ver si acabamos con Belén Esteban» e no hotel no que estamos non puiden consultar todo o correo porque, aínda que hai conexión con Internet, é de pago e, se miro todas as mensaxes, voume arruinar.
-¿Como foi parar a «Buenafuente»?
-Soliciteino hai mes e medio, cando xa sabía que ía vir a Barcelona de vacacións, e pareceume que estaría ben aproveitar a ocasión para asistir como convidado ao programa. Á secretaria fíxolle moita graza o de que en Bouzamaior só vivísemos nove persoas e eu penso que tal vez por iso Buenafuente animouse a falar comigo.
-Pero algo falarían antes, ¿non?
-¡Que va! Foi todo así como o víchedes na tele. Cando me din conta, el xa estaba aí co microfónico e entón entroume un pouco de medo escénico...
-Pois non se lle notaba nada. Víaselle moi solto.
-É que eu fun árbitro de baloncesto e sindicalista, e despois de lidiar cos xogadores e cos obreiros de Bazán, enfrontarse a Buenafuente non é nada.
-E ademais din que o vacilou bastante...
-Eu penso que non o fixen. Non era a miña intención, pero é que nalgúns momentos púxomo a huevo. Que unha persoa como el, que é tan catalanista, me regale unha Historia de España ten a súa coña. E por iso lle contestei así, preguntándolle que si en Cataluña tamén tiña diso.
-Aí quedou un pouco parado, ¿cre que lle molestou?
-Penso que non e, ademais, eu non pretendía ofender a ninguén, que a min aprendéronme a ser moi educado. O que ocorre é que, se estás nun programa satírico-humorístico, tes que responder ás preguntas como se espera que o fagas, con humor. Ademais, os que me coñecen saben que eu son sempre así. A min o que me ocorre é que me perde a lingua.
-Entre broma e broma, o caso é que lle deu tempo a falar de Bouzamaior, o lugar de San Sadurniño onde vive. Ao mellor ata atrae ao turismo...
-Mellor que non, porque entón aquilo encherase de pijitos con chalés adosados e nós o que precisamos e que veña xente, pero a vivir e a cotizar alí, non a pasar a fin de semana.
-¿Como é Buenafuente nas distancias curtas?
-Tal e como o ves na tele, un tipo extraordinario.
-Agora teñen pendente unha entrevista de doce minutos. ¿Sabe xa cando será?
-Nin idea, pero como é todo a gastos pagos, haberá que ir.
-E a Galicia, ¿cando volve?
-Regreso o luns e, nada máis chegar, voume meter nunha cabana que teño e non vou saír.
-Claro, como xa é famoso...
-¡Ui, si! Famosísimo. Tanto que ata vou ter que pedirlle a unha das miñas ovellas que sexa a miña axente.