O portavoz do Bloque Nacionalista Galego abandonará o Congreso tras doce anos como deputado e non descarta formar parte do Goberno da Xunta no futuro
01 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Francisco Rodríguez di que «neste momento» non está asegurado o apoio do BNG aos Orzamentos. «Aínda que nos atopamos no bo camiño, non estamos no obxectivo final que perseguimos. Temos confianza en superar amplamente os 2.000 millóns de euros», explica.
-Aínda así, o crecemento sería igual á media das autonomías. ¿É suficiente?
-Se iso se confirma durante dez anos, si, non hai problema. Serían 19.000 millóns de euros en 10 anos, o 8% de todo o que se inviste no PEIT. É suficiente para os deseños básicos. O problema é que a nós iso non nolo garante ninguén, porque non temos un Estatuto coa forza de lei orgánica.
-¿É partidario de plasmar o 8% no Estatuto galego?
-Nós non eramos favorables a que estas cousas figuren nos estatutos porque ao final algún ten que obviarse, xa que non se poden cadrar así as contas. Poñer porcentaxes de investimento nos estatutos foi un erro. Pero agora en Galicia é inevitable, e temos que defendelo tamén. Nós esixíamos o 8% á marxe de cuestións estatutarias. Poñelo como unha lei orgánica é un disparate.
-¿Con 20 millóns para o AVE Lubián-Ourense no 2008, se poderá rematar no 2012?
-Estou convencido de que, se queren, si. Agora non se saben moi ben as consecuencias prácticas desa partida, pero os quilómetros que son fanse tranquilamente en catro anos. Iso, sen a catenaria, que é unha limitación moi grave porque non teremos velocidades superiores a 160 quilómetros por hora. Falo do 2012 con estas condicións, que poidan transitar os trens pola vía nova, aínda que ao final os trens electrificados irán a 280.
-Se non se cumprisen os compromisos sobre os Orzamentos, ¿que postura tomarían?
-Non os apoiaríamos, pero iríamos cunha emenda á totalidade propia. Non se poden apoiar emendas baseadas en criterios totalmente diferentes.
-¿Que lle parece que Cataluña reciba do Estado o mesmo que achega ao PIB nacional?
-Se se inclúen os investimentos que non deben ser rexionalizables, o que recibe representa no conxunto o 10,33%. O de Galicia o 6%. Paréceme cabal. Non é Cataluña a mellor parada, é Aragón ou a propia Andalucía. Non creo que sexa un favoritismo terrible. Non o vexo abusivo.
-¿Que opina sobre a polémica creada sobre as bandeiras?
-En Galicia ondean en todos os edificios públicos. Non hai un que non teña a bandeira española, a europea e a galega, e en moitos sitios a local tamén. Por bandeiras non estamos mal. O que é absurdo é pedirlle a un cargo público que teña tamén no seu despacho unha bandeira. Non é necesario. Se quere tela que a teña e, se non, non. Hai que respectar os símbolos, pero non esta inquisición que pode provocar conflitos sen sentido. Por non meter unha segunda cuestión, opinable. Que a bandeira española ten unha historia. Todos temos que respectala, asumila é xa máis difícil. É unha bandeira claramente monárquica e que desgraciadamente foi a do franquismo e de toda a represión. É normal que algunhas persoas pensen que a súa bandeira é a republicana. Para min tampouco é a republicana. A única bandeira que teño sentimental e ideolóxica, non de respecto senón de adhesión, é a galega.
-¿E sobre a queima de imaxes do Rei?
-Hai que distinguir o que é o respecto político das manifestacións de opinión ou rexeitamento, que son puramente simbólicas. Queimar unha foto pode significar unicamente discrepancia con esa institución, non necesariamente coas persoas. Vexo iso fóra de órbita, non é necesario. Pero se de aí se quere derivar que non se pode ser antimonárquico ou contrario á actual concreción da monarquía e expresar opinións contrarias ás persoas, non estou de acordo. Non pode haber figuras sacralizadas. Cando se falta ao respecto a unha persoa ou institución, o que se retrata é o que o fai. Non o levaría polo terreo penal mentres non pase á agresión física ou ás inxurias, pero non a unha institución senón á persoa.
-¿Hai que mellorar a relación entre PSOE e BNG no bipartito en Galicia?
-Se facemos a comparación con Cataluña, a cousa non é grave. Pero na realidade hai que intentar mellorar, ata coas tensións inevitables. Procurar non caer en crises continuas porque iso é prexudicial. É necesario tratar de que todos os conflitos graves se solucionen coa menor transcendencia posible. E se eses conflitos aparecen, que sexa como diferenzas de criterio, pero non como unha rifa por motivos de poder, protagonismo ou influencia.
-¿Pensa vostede en formar parte do Parlamento galego ou do Goberno da Xunta?
-Funcións parlamentarias, non. Foron doce anos como deputado e tres na Cámara galega. No Goberno da Xunta, se fose para algunha responsabilidade acorde co que eu penso que podería contribuír dun xeito especial a mellorar as cousas e a facer algo meritorio e produtivo para o nacionalismo galego, si, pero por estar no Goberno por si mesmo, non. Terían que ser unhas funcións moi específicas.