É un dos rexedores máis veteranos das cidades galegas. Chegou á alcaldía hai dez anos e transformou Pontevedra, pero di que o traballo aínda non rematou
10 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954), chega ao ecuador do seu terceiro mandato mantendo, afirma, «un bo pulso de goberno, con proxectos en marcha e ganas de seguir mellorando a cidade».
-Cumpre dous anos este goberno, pero chega vostede aos dez como alcalde... ¿Haberá algunha celebración?
-Pois non o sei, non temos pensado aínda... Home, é unha data redonda. Dende logo, se se trata de facer un balance do que cambiou a cidade nos últimos dez anos, hai moito balance que facer, moitísimo. E se falamos soamente dos dous últimos anos, tamén hai moito que balancear. Fixéronse moitas cousas positivas. Pontevedra é unha cidade que medra. Podo ser pesado porque sempre o repito, pero é que é a verdade. O certo é que a xente está cada vez máis orgullosa desta cidade.
-Goberna en coalición co PSOE dende hai seis anos. ¿Como vai o pacto?
-Temos un goberno de coalición froito dun pacto que nos levou bastante tempo. Está feito pensando en seguir transformando a cidade e mellorando a calidade de vida dos cidadáns. Neste sentido valoro positivamente o funcionamento do goberno. Obviamente, a xente valorará a responsabilidade de cada un, a acción de goberno de cada grupo, pero a min me parece que un goberno de coalición de dúas forzas que representan á maioría social supón un esforzo, significa a cultura do diálogo e do acordo, significa negociar cousas e chegar a puntos de encontro... E iso sempre é positivo.
-¿Como ve á oposición?
-Dificulta o feito de que estea por paralizar as cousas. Demostra que se dedica a buscar proxectos megalómanos ou raros coa idea de que non se faga absolutamente nada nesta cidade. Están en contra da ponte das Correntes, da reforma do nó do Pino, e mesmo tratan de adiar a chegada da alta velocidade á cidade cando as obras están en execución. Gustaríame ter unha oposición máis sensata coa que poder falar e chegar a acordos en base a proxectos serios, non en base a cuestións de cara á galería ou demagóxicas.
-Nos últimos tempos ten dito vostede que acabou o apagón inversor da Xunta e o Estado en Pontevedra. Agora que cambia o goberno da Xunta, ¿volverá a escuridade?
-É difícil que se volvan atrás cousas que están en carteira, con compromisos, executándose ou a punto de executarse, protocolos ou convenios asinados que significan débedas históricas e necesidades de infraestruturas importantes. O hospital único, compromisos viarios, o saneamento do rural...
-A oposición local quere facer borrón e conta nova en asuntos como o hospital, por exemplo.
-Eu entendo que xa pasou a campaña electoral, e unha cousa é a campaña, e outra, gobernar. Cando hai que gobernar, cando hai que sentarse a falar, cando a cidadanía demanda unha resposta rápida na mellora da asistencia sanitaria e está perfectamente enfocada, cando hai un proxecto, un plan sectorial, un orzamento aprobado pola Sociedade Pública de Investimentos... Terá que tararealo moi ben o PP para que a xente siga esa canción. Eu creo que non é reversible. Cando o novo goberno tome posesión teremos que debater todas as cousas que están en marcha, e se deben continuar ou non. E se non continúan, terán que explicalo. A Xunta ten que atender as demandas dos concellos, pero tamén ser respectuosa co modelo polo que aposta cada concello.
-Vostede xa gobernou en Pontevedra estando o PP na Xunta...
-Si, e non dei conseguido moitas cousas. Arranxamos algunha carreteriña, fixemos un carril de vehículos lentos ao Campiño...