«O primeiro que hai que facer é dar a coñecer o custe da Cidade da Cultura»

M. Cheda

GALICIA

O responsable do Gaiás anuncia a fusión das dúas fundacións ligadas ao proxecto, que será un técnico quen dirixa o recinto e que revelará «de verdade» o investimento

23 abr 2009 . Actualizado a las 13:08 h.

Melómano, afeccionado á fotografía, diplomático de carreira, sen filiación política coñecida, Roberto Varela Fariña (Meaño, 1959) confésase «desbordado» dende o venres á noite, cando soubo que sería conselleiro de Cultura e Turismo. Tan atarefado anda que onte, en só unha hora, recibiu 74 chamadas no móbil e mesmo aproveitou para xantar no despacho (un sándwich con cola) mentres era entrevistado por La Voz.

-Sobre a súa traxectoria diplomática, no 2007 dixo: «Estiven en Alemaña, máis tarde en Kuwait, que foi a parte mala, e agora en Nova York, que é a boa. Logo non sei aínda que me tocará». ¿Que lle tocou?

-Tocoume a parte moi boa, o que en termos diplomáticos sería un A-Plus, un país ao que todos queren ser destinados.

-Tocoulle lidar co Gaiás. ¿Pode Galicia, nun marco recesivo, permitirse unha fundación cuxo orzamento para o 2009 supera os 61 millóns de euros?

-O primeiro que hai que facer é darlle a coñecer a Galicia o que vai custar de verdade a Cidade da Cultura. Antes que nada imos avaliar iso e, de seguido, determinaremos un calendario, sempre en función dese custo, para continuar o proxecto e ilo culminando por fases. A clave de todo é que vai xerar uns gastos de mantemento moi importantes. Non teño a cifra agora...

-Segundo a Xunta saínte, andará entre os 50 e 60 millóns por exercicio. ¿Como pagalos sen financiamento privado?

-Evidentemente, temos que recorrer ao financiamento privado tamén. A intención do Goberno é continuar o proxecto, porque estamos nun camiño de non retorno, pero de maneira realista e con transparencia no gasto.

-Falando diso, aos seus antecesores a factura final do complexo, entre brumas de opacidade, fóiselles indo das mans: 108 millóns, 337, 476... ¿Terá por fin Galicia un conselleiro que diga: «Isto vai requirir tanto e o imos investir así»?

-Iso é o que imos facer. Estamos nun momento especialmente difícil, de crise, no que hai prioridades e no que debemos actuar tanto en función destas como da dispoñibilidade. Si podo adiantar que seguiremos co proxecto, que o vincularemos ao Camiño de Santiago e que, sen dúbida, terá unha compoñente internacional moi importante; debe ser un referente no exterior, nomeadamente, en Europa. Esta é unha das razóns polas que pensaron en min para o cargo. Teño boa entrada nos grandes museos do mundo: no Metropolitan, no MoMA, no Pompidou... Se o facemos ben, se queremos, podemos entrar nun circuíto internacional expositivo.

-O programa electoral do PP sostiña: «Cómpre reorientar os contidos». ¿Vanlles dar outra voltiña a estas alturas?

-Eu non diría iso, senón que hai que meditalo ben e, sobre todo, escoitar á xente, ver o que quere. Da Cidade da Cultura hai que ter primeiro unha visión, logo ilusionarse con ela e, despois, trasladarlla ao pobo. Hai que facer unha campaña para que os galegos a coñezan ben, para o bo e para o malo. Gustaríame que se sentiran orgullosos dela e, para iso, teñen que participar.

-Tamén prometía unificar as dúas fundacións do Gaiás.

-E respectaremos ese compromiso, non teño contraorde.

-Á fronte do recinto teñen estado Ángel Currás, hoxe edil do PP, e Francisco Carracedo, ex concelleiro do BNG. ¿Porá vostede aí a outro político?

-Quero que sexa un técnico nomeado con amplo consenso. Porque é unha misión na que hai que saber moito e ter visión internacional a longo prazo. Aquí non basta con ser político.