«Non entendo cal é a rendibilidade de gastar en Cuba»

La Voz

GALICIA

23 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Roberto Varela tomou posesión este luns. Comparecendo ante a prensa a carón da súa antecesora, Ánxela Bugallo, aquel día proclamou que non tiraría co bo que a nacionalista tivera feito.

-¿E logo que fixo ben?

-Iso teño que velo aínda.

-É dicir, foi unha cortesía.

-Home, non. Hai programas que, en aparencia -teño que comprobalo-, están funcionando ben: o festival de música Vía Stellae, o Galician Way...

-¿E pensa fomentar a literatura galega, poña por caso, na Feira do Libro da Habana?

-Non. Definitivamente, non. Absolutamente non. Non, por varias razóns. Aquilo foi un erro. Non entendo cal é a rendibilidade de gastar unha cantidade tan grande nun país coma Cuba. Comercial non, porque os cubanos non poden saír de Cuba a mercar e deixar os cartos aquí. E política tampouco, porque estás apoiando a un réxime que mete aos gais na cadea.

-¿Chegará o día en que o feito de vender 3.000 exemplares dun libro galego deixe de considerarse un «best seller»?

-Penso que si. A do libro será unha das miñas prioridades en materia de promoción cultural. E participaremos nas grandes feiras internacionais do sector, como a de Fráncfort, fomentando o de Galicia ou que se produce en Galicia, non só o que abrangue o adxectivo galego . No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa.

-¿E quen é o seu escritor de cabeceira xa que logo?

-Non sei se o debería dicir, porque é totalmente radical de esquerdas. É Méndez Ferrín. Tódalas noites leo poemas del.

-A Bugallo ténselle acusado de practicar unha política cultural de certo repregue, pouco permeable cara o de fóra. ¿Continuará por ese camiño?

-Téñoo moi claro: iso acabouse. Ela fixo un traballo moi bo, acorde aos seus principios. Pero nós temos outros moi distintos.

-«Gustaríame loitar un pouco contra o cliché da gaita», dixo nunha entrevista hai anos...

-Quería dicir que a música de Galicia non debería reducirse exclusivamente á gaita, que adoro. Pero tamén hai que tocar a Schubert. Aquí hai moitos músicos boísimos que, como son de fóra ou ben porque tocan o violín, non se lles está facendo caso. Iso é certo, e vai rematar.