Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O nacionalismo político non está á altura da sociedade galega»

GALICIA

Non atopa a pegada do BNG na Xunta e cre que a súa formación está ensimismada e mudará pouco na próxima asemblea

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:03 h.

Prefire non escarvar moito na crise que vive o BNG e afondar nas ideas, pero é contundente ao determinar que o nacionalismo non aproveitou o seu paso polo poder. Non atopa pegadas da súa acción na Xunta e tampouco ve mudar as actitudes que levaron a perder apoios. Onte enviou a súa renuncia ao escano que ía ocupar en Bruxelas, pero non admite que se diga que llo impuxeron.

-¿Está doído coa cúpula do BNG por terlle obrigado a renunciar ao escano?

-Non, non tiña ningunha obriga de facelo. O escano pertence ao candidato. Se o fixen, aínda estando en desacordo coa dirección do BNG por someterse ás posicións de CiU e non a unha galega, é porque non quero prexudicar á candidatura do Bloque para as eleccións europeas e porque é o mellor xeito de defender a miña postura. Pero a renuncia é voluntaria, miña, non admito imposicións.

-¿Se o escano fora para alguén do aparato, da UPG ou do quintanismo, cre que se ocuparía?

-Eu pretendín ser candidato a presidente da Xunta tras ter acadado o escano en Europa no 99 cun dos mellores resultados da historia do BNG. E o pretendín fronte a todos os demais porque vin que o Bloque estaba a tomar unha deriva negativa de pecharse en si mesmo, pero perdín. Tócame ser o alter ego, tócame ese papel, aínda que si, creo que se o candidato fora outro habería outra postura.

-¿Hai pois castes no BNG?

-Non se trata diso, eu non estou marxinado. Defendín unha postura e perdín. Ás veces, perdendo gáñase se se defenden convicións.

-¿Cre que a sociedade galega entende ao BNG, coas súas correntes, partidos, liderados...?

-Non é menos democrático internamente o BNG que o PSOE ou o PP, nin moito menos, que quede claro iso. O PP e mailo PSOE están instalados no Estado, pero o BNG non o ten, e por iso ten que tratar de gobernar e crear á vez unha estrutura estatal en Galiza, e para iso ten que ser máis transparente.

-¿E para iso o frentismo é a mellor das opcións?

-Non entro niso. O BNG o que ten que ser é unha opción da esquerda democrática e plural, para o conxunto da sociedade, non só para os seus votantes.

-¿Que toca: consenso, integración, cotas?

-A min o que me preocupa é a condición interna do BNG e a política que ten para o país, a súa relación co Estado español, coa UE e co mundo de fala galegoportuguesa, que ten que mudar. Pero nos partidos triunfan as maiorías, eu o respecto, pero iso non quere dicir que crea no sentido que van as maiorías no BNG. Por iso sigo a pedir unha reflexión sobre a Galiza e o nacionalismo que queremos, con visión de futuro e autoestima.

-¿E iso conxuga coa transición que se propón no BNG?

-Non quero entrar niso. Penso na sociedade galega, non en ensimesmamentos. En todo caso, en ano e pico haberá outra asemblea, e supoño que mentres o BNG reflexionará sobre o mundo no que vive. Agora, polas listas que hai e polo que observo, creo que non vai pasar e que vai haber unha dirección semellante á que hai agora.

-¿E a candidatura para as próximas autonómicas?

-Pois terá que emerxer nese tempo. Prefigurala xa se fixo no 2003 cos resultados sabidos.

-¿Hai vida para o nacionalismo fóra do BNG?

-Eu son máis fundador do BNG que case todos os que están dentro agora porque fundei a ANPG, pero dito iso, claro que hai vida, hai máis nacionalistas que nunca e un dos problemas do BNG ten sido separarse das organización sociais. O BNG vive dese clima de apoio ao nacionalismo que vota Bloque porque cre en Galiza como nación aínda que non lle gusten cousas do BNG actual. Pero non creo que haxa que crear outra organización.

-¿E o nacionalismo aproveitou a oportunidade que tivo?

-Eu creo que non, en absoluto. O nacionalismo político non está á altura da sociedade galega. Debendo ir por diante está por baixo. O Goberno careceu de proxecto común e non tivo catro ou cinco proxectos cos que cambiar a visión que se ten do BNG. Que pensaba o Goberno do sistema aeroportuario galego; que pensaba da lingua, que é universal e nos relaciona con Brasil; que pensaba da estrutura territorial de Galiza; actuou en consecuencia coa potentísima economía industrial que temos; que fixo para ter unha nazón sen separarnos de ninguén; a que adicaron os 12.000 millóns que manexaron cada ano... ideas que deberon definir ao Goberno e que non se tomaron.