Desde que Jesús Vázquez está no Goberno, a impresión que chega á sociedade é que entre reitores e Consellería de Educación non hai precisamente feeling . As universidades lembran que se non se engaden cartos ao fixado no plan de financiamento para o 2010, as institucións terán menos ingresos para cubrir máis gastos. Vázquez sinala que aquí todos van ter que facer plans de austeridade.
-¿A Xunta vai dar cartos a maiores do plan de financiamento?
-Imos intentar facer o maior esforzo posible dentro da realidade. O compromiso deste Goberno é que os asuntos sociais non perdan peso. Sei que o presidente vai facer un esforzo enorme para que a sanidade e a educación non se vexan prexudicadas polo tremendo recorte que estamos a experimentar.
-Feijoo dixo que recortaría un 15% o gasto de funcionamento. ¿As universidades terán que diminuír tamén os seus gastos?
-Por suposto terán que facer tamén plans de reaxuste, negar esa evidencia sería pechar os ollos. Estamos a falar de que os fondos do Estado caen un 18%, e aínda por riba o Goberno central esta reclamando cartos.
-¿Os reitores son conscientes desta situación?
-Son conscientes de que van ter que facer axustes e levar a cabo plans de austeridade serios. Hai dous compromisos: os temas sociais e o emprego. Intentaremos que isto non se poida tocar, pero hai outras partidas que si van ser tocadas. Por exemplo, probablemente haberá que esperar para levar a cabo un plan de reforma ou de construción de novos centros. Outras partidas como publicidade ou gastos de protocolo tamén haberá que recortalas.
-Os alumnos que molestan serán enviados a unha aula aparte. ¿É un xeito de devolver a disciplina ás aulas?
-Estas aulas son para facerlle un favor precisamente a ese rapaz. Se hai un alumno inmigrante que non domina o castelán hai que darlle unhas horas de reforzo. Non son aulas de castigo como intentan dicir, son para rapaces con distintas problemáticas aos que ás veces haberá que atender particularmente. É máis, esta medida se aplica en moitos centros públicos con renome, pero sen estar suxeitos á normativa. Nós poñemos en marcha esa normativa.