«O decreto do galego comezará a negociarse nas próximas semanas»

GALICIA

A Xunta terá como unha das súas principais referencias para concretar a súa política de cara ao idioma o Plan Xeral de Normalización Lingüística

26 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O decreto do ensino non universitario sairá adiante. Iso teno máis que claro o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que confía en que se aprobe co máximo consenso posible. Por iso, e tras retrasarse algo máis dun mes na redacción do borrador que se presentará aos axentes sociais e políticos do país para chegar a un acordo, adianta que as negociacións se abrirán nun prazo moi breve de tempo.

-A manifestación a prol do galego da pasada fin de semana, que segundo a Policía Local congregou a 50.000 persoas e segundo a organización a unhas 100.000 en Compostela, ¿como será tida en conta por parte da Secretaría Xeral?

-Nós o que fixemos foi convocalos. Anunciámolo o luns, onte [polo mércores] enviamos o convite por correo postal e por correo electrónico convidando á organización a que viñese aquí a comentar exactamente connosco cales son as medidas desprotectoras contra o galego que segundo eles este Goberno puxo en marcha. O que queremos transmitir á cidadanía é que nós escoitamos. Se hai unha demanda dunha parte da sociedade, evidentemente nós queremos intercambiar puntos de vista e escoitar esa demanda.

-O voceiro da plataforma Queremos Galego declarou estes días que temen que este convite sexa unha «pantomima».

-Queremos saber exactamente cales son as medidas desprotectoras respecto da lingua galega, coñecelas de primeira man, dos que organizaron esta protesta. Dende logo, queremos transmitirlle que o Goberno galego non ten intención de acabar coa lingua nin de desprotexela de ningunha maneira. Este Goberno o que vai facer é unha política lingüística que se mova no ámbito do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística, que terá no Plan Xeral un documento valioso e do cal imos tirar ideas, medidas, accións e obxectivos, como non pode ser doutra maneira.

-A principal da que falan é a derrogación do decreto do ensino.

-Derrogar un decreto significa que se vai substituír por outro, non é derrogar o decreto para deixar sen decreto o sistema non universitario. Facer unha manifestación pola derrogación dun decreto do que aínda non se sabe cal vai ser a proposta de substitución resulta cando menos bastante curioso.

-¿Cando a coñecerán?

-O decreto coñecerase en breve e ofreceráselle nas próximas semanas aos axentes sociais e políticos para acadar o máximo consenso posible.

-Trala reunión con Queremos Galego e o resto dos axentes implicados, ¿estarán dispostos a facer cambios?

-Con Queremos Galego non imos discutir o decreto. É unha plataforma que ten unhas reivindicacións amplísimas e queremos coñecelas de primeira man, así como explicarlles o que vai ser a nosa política lingüística. O decreto terá os seus interlocutores, que serán os partidos políticos e os axentes sociais e asociativos vinculados co ámbito do ensino.