Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Tócalle mover ficha á Xunta na resolución do conflito de Medicina»

GALICIA

É partidario da colaboración conxunta nesta carreira, e di que «nunca é agradable» poñer un contencioso contra outra institución, pero que os acordos están para cumprilos

19 nov 2009 . Actualizado a las 02:30 h.

Xosé Luís Armesto, vicerreitor de Profesorado da Universidade da Coruña (UDC), leva desde o ano 2006 traballando para conseguir chegar a un acordo para mellorar a docencia clínica de Medicina nos tres hospitais universitarios de Galicia. Finalmente, esta negociación concretouse no protocolo do 2008, que acaba de vulnerar a Universidade de Santiago ao facer unha convocatoria de prazas de docentes de maneira unilateral. Por este motivo, a UDC vén de interpoñer un recurso contencioso contra a súa homóloga compostelá, pedindo que se suspenda esta oferta docente por vulnerar a legalidade.

-¿Como se chegou a esta situación?

-Nós firmamos no 2001 un concerto co Sergas sobre a docencia clínica, que se baseou nun sistema transitorio rotatorio de docentes, que estaba a piques de rematar. Por iso, no 2006 empezamos a falar de buscar unha solución para a docencia clínica de Medicina, tendo en conta que ía haber 350 estudantes, aínda que agora xa se fala de 400. Despois de dous anos de negociación, chegamos a un acordo entre as cinco partes, xa que non depende unicamente das tres universidades, senón que tamén é competencia da Xunta a través das consellerías de Sanidade (que dinamizou moito os acordos) e de Educación.

-¿Que pasou con este protocolo?

-Cando había que poñer en marcha os acordos foi cando houbo o cambio de Goberno, e a Universidade de Santiago quixo volver á inercia da situación anterior ao protocolo, e non cumprir o pactado. A nosa sorpresa foi cando, no mes de xullo, nos decatamos de que estaba a preparar unha convocatoria de prazas pola súa conta. Foi entón cando lle enviamos un escrito ás consellerías de Educación e Sanidade e ás universidades de Santiago e Vigo denunciando que non se estaba a cumprir o acordado, e que aínda había tempo para arranxalo. Pero no mes de setembro, e a pesar do aviso, a USC fixo a convocatoria formal das prazas.

-¿Cal foi a resposta de Santiago ao seu recurso de reposición?

-Contestaron que non somos parte interesada, que non estamos lexitimados para recorrer. Por iso interpuxemos o contencioso, que nunca é agradable, pero, insisto, non é un tema exclusivo das universidades, senón tamén da Administración.

-¿Que solución propoñen?

-Unha situación na que todos esteamos dispostos a seguir falando, pero respectando o marco legal. Houbo unha situación no pasado onde os estudios de Medicina eran exclusivos de Santiago, e os profesores dos hospitais eran da USC. Isto foi así no pasado, pero o presente e o futuro non poden seguir así. A universidade está nun momento importante de cambio co plan Bolonia e nos estudos de Medicina entendemos que hai que falar de compartir e colaborar, porque só así seremos máis fortes, e temos que ter en conta que nos imos mover nunha dimensión europea, na que precisamos todos os recursos e medios.

-¿Pensa que Santiago cederá e cumprirá o protocolo?

-A estratexia da Universidade de Santiago é camiñar en solitario, pero estamos dentro do Sistema Universitario Galego (SUG) e temos que camiñar xuntos, cumprir unhas normas e traballar unidos.

-¿Quen ten que dar agora o paso para arranxar esta situación?

-Tócalle mover ficha á Xunta na resolución do conflito de Medicina. A Administración autonómica é a que ten as competencias e as responsabilidades últimas, porque non hai que esquecer que estamos nun sistema universitario galego, dirixido pola Xunta.

-¿Confía en que isto se faga?

-É o único que queda por facer e penso que se vai facer nun breve espazo de tempo, aínda que tamén hai que pensar que para facer o protocolo do 2008 estivemos dous anos negociando, e seguimos. Esta é unha carreira de fondo.

-¿É optimista sobre o resultado final?

-Eu penso que o resultado final vai a ser o mellor para todos.