Resolta a incógnita de como se tratarán as linguas na ensinanza, comeza un debate no que un acordo político, aínda que non imposible, antóllase complicado
06 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Entre a polémica que provocou a enquisa ás familias para saber en que lingua querían que estudasen os seus fillos, e o debate polo borrador do decreto do plurilingüismo, Anxo Lorenzo leva máis de medio ano acaparando titulares. Sabe que aínda lle quedan meses duros, pero confía en que todo o proceso de elaboración da nova norma acabe por estabilizar a situación das linguas no modelo educativo.
-¿É o decreto que buscaba?
-Tendo en conta as reaccións que está provocando creo que é o decreto que necesitamos en Galicia. Por primeira vez poñemos nunha normativa de xeito conxunto a adquisición da competencia plena nas linguas oficiais, o reparto equilibrado das horas semanais nestes dous idiomas, e ese terzo reservado para as linguas estranxeiras. É un decreto de trilingüismo ou plurilingüismo, que incorpora ademais a opinión das familias, que era unha demanda presente na sociedade galega.
-¿Poderá variar moito na fase de debate?
-O que acabo de dicir agora, o equilibrio, a aposta pola adquisición de competencias efectivas en linguas estranxeiras, e evidentemente garantir a competencia nas dúas linguas oficiais son tres aspectos que constitúen as bases das bases. Propostas que vaian en dirección contraria non teñen cabida na arquitectura actual.
-¿Con quen será máis difícil acadar o consenso?
-Non o sei. Estamos abertos a recibir tódalas achegas que haxa que facer, pero para que haxa consenso ten que haber vontade de todos. Nós creo que o estamos propiciando. ¿Que os partidos da oposición queren consensuar algo? Terán que dicilo e mostralo eles.
-¿Pero ata que punto está disposto a facer cesións para conseguilo?
-O que son as bases das bases son moi claras. Fora diso, se para conseguilo é necesario matizar ou reformular algunha parte, en aras do consenso e respectando estas bases, non habería ningún problema.
-Cada centro poderá dar en cada lingua as materias que decida. ¿Non se está a xerar unha situación caótica?
-Cando se propón un sistema novo que cambia parcialmente a dinámica de funcionamento dos centros ten que haber un desenvolvemento normativo que aclare as cousas e tamén é preciso un período de adaptación. Entendo que cando se presenta unha proposta nova a xente diga que parece complicado, pero nin é tan complicado nin imposible. As innovacións sempre implican resistencia e un pouco de desorientación. Está previsto no propio borrador que existan desenvolvemento normativos que permitan poder aclarar os flecos que van quedando.
-¿Estes desenvolvementos orientarán que materias se darán en cada unha das linguas?
-Non. Precisamente un dos aspectos que incorpora o decreto é unha certa flexibilidade. En vez de fixar as materias, o que propoñemos é un sistema que permita que escoitando ás familias e vendo os recursos humanos dos centros cada un poida facer a súa planificación. Un exemplo, se nun colexio temos un profesor de Ciencias da Natureza en disposición de dar a súa materia en inglés, é mellor esa flexibilidade para poder facer unha oferta realista e non marcar as materias, o que crearía máis problemas.