Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Hai que recuperar a figura do profesor que era respectado»

M.?C. REDACCIÓN/LA VOZ.

GALICIA

El titular de Educación explica que el reconocimiento de los docentes como autoridad pública es una alternativa más que se estudiará

23 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A que será unha das normativas estrela da Consellería de Educación de cara ao novo curso ten como obxectivos promover a participación dos pais no modelo educativo e dignificar a labor dos docentes. Para elo, tal e como apunta o titular dese departamento da Xunta, Jesús Vázquez, «como primeiro piar hai que poñer a disposición dos profesores tódolos recursos que poidamos, pese ao momento de crise».

A pesares de que a norma aínda está na súa fase inicial, os encargados de elaborala están collendo como exemplo normativas semellantes que están aplicándose tanto a nivel nacional como internacional. Aí entraría o outorgamento aos profesores da condición de autoridade pública.

Pero iso en Galicia, tal e como explica o responsable de Educación, é polo de agora unicamente unha das alternativas que se van estudar. O que ten claro é que a lei «ten que contribuír a que se traballe para que nun futuro non se dean casos como os que se producen a veces contra o profesorado porque, aínda que son illados en Galicia, con que haxa un só, xa é algo».

-A intención é que o traballo do profesor o recoñeza a comunidade educativa, pero tamén o teñen que facer as familias.

-A participación dos pais é algo necesario de cara a autonomía dos centros, non só a nivel de xestión, tamén a nivel pedagóxico e metodolóxico. [...] Gustaríanos que dende o Goberno central se deran pasos de cara á autonomía dos centros e repito, non só económica, tamén metodolóxica e pedagóxica no seu propio modelo e para iso van precisar contar co apoio dos pais.

-¿Os pais teñen que responsabilizarse tamén da educación e non deixalo só en mans do profesores?

-Teñen que ser corresponsables desa labor educativa e nese senso a lei vai tratar de cubrir eses apartados, e nese senso estamos traballando.

-Os profesores quéixanse que ás veces hai algúns proxenitores aos que chamas por algún problema e non veñen.

-Evidentemente nunca se pode xeneralizar. É malo xeneralizar. A inmensa maioría dos pais están preocupados pola docencia dos seus fillos. Proba desto é que están aí e buscan e piden melloras nos métodos educativos. Pero é certo que, por unha banda, tendo unha quenda de profesores que son os mellor formados da historia e tendo unha sociedade que cada vez pide máis, e por outra, tendo outra quenda de pais preocupados, resulta curioso que o modelo educativo a nivel nacional estea fallando e lles estea fallando ás familias porque temos as taxas máis elevadas da UE de fracaso e abandono escolar.

-¿Que hai que facer?

-Pode que haxa que propiciar un contacto máis directo profesorado-familias e familias-profesorado. É necesario que os pais coñezan a realidade dos centros e participen neles, e teñan a súa opinión. Pero por outro lado tamén é certo que o profesorado ten que coñecer a realidade das familias para poder actuar naqueles casos concretos e poder recibir unha educación individualizada e exclusiva, algo do que tanto estamos a falar e que é necesario levar adiante.

-Entón potenciar o diálogo entre o pai e o profesor será unha das ramas da lei.

-Evidentemente. Xunto coa dignificación da labor docente porque penso que todos recordamos con cariño aos nosos primeiros mestres. Hai que recuperar iso, a figura do profesor que era respectado nas vilas e que as familias respectaban porque axudaba ao desenvolvemento e ao futuro dos rapaces.

-Hai quen di no sector que a lei podería ir xa ao Parlamento no primeiro trimestre do novo curso.

-Son cuestións que son leis e por tanto haberá que ver. Vamos tentar apresuralo todo o que poidamos, pero dentro da racionalidade e da lóxica que isto conleva. Preferimos dende que estamos gobernando primeiro dialogar e levar conversas con tódolos sectores. Mes arriba, mes abaixo non importa cando o resultado é unha boa lei. Unha lei en beneficio de toda a comunidade educativa, tanto profesores como familias e rapaces.