O delegado territorial da Xunta en Ourense ve anecdótica a súa visita ao Bernabéu en plena vaga de lumes.
21 oct 2011 . Actualizado a las 16:31 h.O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, trataba onte de restar importancia á súa decisión de acudir o pasado martes ao Santiago Bernabéu para ver o partido de Champions entre o Real Madrid e o Olympique de Lyon, en plena vaga de lumes. Apunta motivos familiares e xustifica que non interferiu nas súas labores de coordinación. Pese a dicir que non é máis que unha «anécdota», recoñece que vista a repercusión non o volvería facer. Onte o PSOE pediu a súa dimisión e anunciou unha interpelación parlamentaria polo que tilda de «actitude frívola e irresponsable».
-¿Cando decidiu viaxar a ver ao Real Madrid?
-O primeiro, dicir que a vaga de lumes non foi ese día, era xa de moitos días. Coincidiu que eu teño aos dous fillos en Madrid e un veu durante o pasado fin de semana, no que eu estiven moi ocupado e case non o vin nin a el nin á neta, e apetecíame estar máis con eles. Fun de viaxe e como tiña amigos que ían ao fútbol aproveitei para estar máis tempo con eles.
-¿Durante canto tempo estivo fóra de Ourense?
-Marchei ás catro da tarde e ao acabar o partido volvín. Ás tres da mañá xa estaba na casa, e ás sete e media traballando. Polo tanto, tampouco lle dou moita máis importancia. Estiven durante todo o tempo que tiven que estar coordinando o que tiña que coordinar, porque eu desde logo non ía andar cunha mangueira no lume porque non era esa a miña misión.
-¿É algo que faga habitualmente? ¿É forofo do Real Madrid?
-Gústame o Real Madrid, pero ao mellor vou dúas veces ao ano. Coincidiu así e por iso fun. Eles [os seus familiares] marchaban o martes á tarde, e decidín acompañalos.
-¿Pero a viaxe afectaría á coordinación da extinción dos incendios que asolan a provincia?
-Para nada. Eu creo que non deixa de ser unha anécdota que alguén quere aproveitar para sacarlle punta a este tema.
-¿Como esta a ser o seu traballo no día a día na xestión desta vaga de lumes?
-En Ourense hai un operativo que está dirixido polo xefe do servizo de incendios, que está en contacto todo o día co xefe territorial e comigo para estar informados de todo. Se hai que decretar algún nivel especial por proximidade a vivendas ou por perigo tomamos as decisións conxuntamente.
-O PSOE pediu o seu cese fulminante.
-Isto é todo unha montaxe que está aproveitando alguén que me viu nese partido para dar esa información, á que eu non lle dou máis importancia. Como non o lograron a través das denuncias xudiciais por outras cousas, queren facelo a través desta anécdota. Poderanme acusar de moitas cousas pero non de dedicación porque lle dedico moitísimas horas ao meu traballo, porque o require o traballo e porque o fago gustosamente.
-Se puidera volver atrás no tempo, ¿iría ao Bernabéu en plena crise incendiaria?
-Pois [largo silencio] ao mellor non. Vista a repercusión que algún lle quere dar.
-¿Recibiu algunha chamada desde o Goberno para pedirlle explicacións?
-Non. Eu informei puntualmente deste tema e todo o mundo no partido sabíao antes de que se fixera público.