
Crónica | Secretarios do municipio de Sarria Xoán de Araújo foi a primeira persoa que ocupou este cargo na vila e Amando Losada o último. Antonio Carro é o novo responsable do cargo desde esta semana
10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O primeiro concello constitucional de Sarria formouse en 1820. Naceu así a moderna administración municipal que aínda tardaría en se consolidar ata 1840. Para a levanta de actas, acordos e tramitacións no anterior sistema de xurisdicións había a figura dos escribáns de número e axuntamento, mais serán as normas do partido liberal as que establecerán a figura do secretario de concello, facendo nacer unha liña de rigorosidade, profesionalización e continuidade que permitiu consolidar e afianzar a xeneralizada política municipal. O primeiro secretario con exercicio coñecido en Sarria foi don Xoán de Araújo (posiblemente Xoán Díaz de Araújo), fidalgo e escribán, un dos últimos membros da familia Díaz de Guitián, que desde o século XV tivo activa presenza en Sarria, quen cesou cando os realistas botaron por terra a Constitución de 1812 e reprimiron todo atisbo liberal. Era o mesmo tempo secretario dos concellos adscritos á cabeceira do partido. Ao seu celo débese, quizá con grave risco persoal, o salvamento das actas de 1822 e doutra documentación dese período. O restablecemento das formas xurídicas do Antigo Réxime foi enteiramente oco, e non deu froito, quedando tan maltreita a xestión que coa escasa documentación gardada non se poden facer máis que conxecturas. Tampouco hai moita sorte con relación ao período 1840-1860, do que só se conservan datos esporádicos, quizá polo pouco coidado que houbo en conservar os documentos, que posiblemente foron vendidos como papel de desfeita. Perda de papeis Sabemos que en 1828 figura como secretario don Xoán Días de Freijo (escribán da Casa de Outeiro, en San Xulián da Veiga), e pola falla de dato, non temos coñecemento puntual doutros ata don Antonio Macía de Neira (1837), pois a sucesión de alcaldías reais e alcaldías constitucionais trouxo o barallamento de papeis e perda dos mesmos. En 1871 aparece o cargo da secretaría de Sarria con Antonio Vázquez Macía. Non se esixía maior titulación, fóra de estudos elementais e experiencia administrativa. O 22-09-1903 entra como secretario interino don Xesús Puche González, que era oficial maior. Foi unha persoa moi popular na Sarria do seu tempo, sempre presente en actividades culturais e de lecer e dotado dun grande sentido do humor e de aptitudes para a representación teatral. No remate da Ditadura, o 11 de xullo de 1930, tomou posesión como secretario interino don Ernesto López Acevedo, fillo do notario asturiano asentado en Sarria don Xoán López Acevedo, quen pasa a ser titular o 19 de novembro de 1930. O alzamento militar e a depresión del derivado, e por ser persoa de sentimentos democráticos, tróuxolle dificultades na permanencia no cargo, pasando ao exercicio libre da avogacía, onde alcanzou moita sona a nivel comarcal. Nos tempos da guerra e da posguerra ata aqueles que sen compromiso político manifesto eran amigos de xentes comprometidas socialmente tiveron que pagar o prezo do ostracismo e o abandono de funcións, por moi capacitados que estivesen para elas. Política Ata 1961 foi secretario municipal don Xesús Pérez Batallón López, dunha coñecida familia da vila, con presenza na política local, provincial e nacional entre 1850 e 1920. Por desencontros con varios concelleiros, foi obxecto de situacións tensas e acusacións, das que saíu ben librado, mais que durante anos afectaron á administración local e ás relacións persoais. Ao seu falecemento ocupou o cargo accidentalmente o oficial don Xosé Penela Castedo, toda unha institución no organigrama administrativo, pois durante moitas décadas traballou ao servizo do Concello de Sarria.