Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

María Castro, actriz galega da serie «Sin tetas no hay paraíso», será pregoeira da Feira do Viño de Quiroga

La Voz

LEMOS

01 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A comisión organizadora da Feira do Viño de Quiroga escolleu como pregoeira da vixésima sexta edición deste festexo gastronómico á actriz viguesa María Castro, que interpreta actualmente un dos principais papeis da serie de Telecinco Sin tetas no hay paraíso . A actriz ten raíces familiares no municipio, xa que súa nai é natural da localidade de Santa Cubicia, situada na parroquia de Hospital, e exerceu como mestra rural en diversas poboacións quiroguesas.

María Castro, coñecida tamén pola súa participación en diversos programas e series de TVG, pronunciará o pregón da feira o 22 de marzo, ás oito da tarde. A súa relación familiar con Quiroga foi descuberta polos organizadores do festexo despois de solicitar a súa participación no programa de actos. «Ao principio chamámola simplemente por ser unha actriza galega moi coñecida e para nós foi toda unha sorpresa saber que era oriunda do municipio e que ten aquí moitos parentes», explica o alcalde Julio Álvarez. O mandatario puntualiza non obstante que as personalidades designadas para pregoar o festexo gastronómico son escollidas máis en función da súa popularidade e da repercusión que poidan darlle á feira de Quiroga que pola súa orixe xeográfica ou familiar. En ocasións anteriores foron pregoeiros da feira de Quiroga os xornalistas Matías Prats e Lydia Lozano e as presentadoras de televisión Paula Vázquez e Silvia Jato, entre outros coñecidos personaxes.