Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Sendeirismo no Paleolítico

AGRICULTURA

Unha excursión organizada polo colectivo Os Lactouros achou un artefacto prehistórico nun camiño de Sober

23 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un achado casual durante unha excursión de sendeirismo por Sober acaba de proporcionar unha nova e interesante pista aos científicos que desde hai dous anos buscan o rastros das poboacións do Paleolítico no sur lucense. Os participantes nunha ruta a pé organizada pola asociación monfortina Os Lactouros encontraron unha ferramenta prehistórica que ofrece especial interese pola zona en que foi achada, que ata agora non fora explorada polos arqueólogos.

A peza é un bifaz, un machado de pedra de múltiples usos que se considera característico do período achelense -hai entre 500.000 e 300.000 anos-, pero que se fabricou tamén noutras etapas da prehistoria. O artefacto foi encontrado nun camiño que vai desde Lobios a Viladime, nas proximidades desta última localidade, e foi probablemente desenterrado polos labores agrícolas.

O arqueólogo Arturo de Lombera, coordinador do equipo científico da Universidade de Santiago que investiga os xacementos da comarca de Lemos, sinala que o achado é suficientemente importante como para merecer que se examine en detalle a zona en que se producíu. «Máis que o estudo desa peza en si mesma, o interesante é que esa zona está situada nas cercanías do Canón do Sil, máis ao sur das áreas que estivemos explorando ata agora», explica. «Polo momento, a zona máis próxima ao Sil en que localizamos industrias paleolíticas era a parroquia de Gundivós, algo máis ao norte, e con este achado poden ampliarse aínda máis as marxes xeográficas da área investigación», engade.

De Lombera -que por agora só puido examinar o bifaz mediante fotografías- indica que a aparición dunha soa peza revelar con frecuencia a localización dun xacemento e dar pé a novas descubertas. Os investigadores, por tanto, pensan incluír a zona de Viladime no seu programa de prospeccións arqueolóxicas. Un exame detallado dos terreos, por outro lado, pode axudar a descubrir pezas de pequeno tamaño que pasan facilmente desapercibidas para os non especialistas.