Na escavación de Pedras, os investigadores encontraron restos de madeira queimada en todos os niveis da sondaxe, algúns dos cales estaban xunto ás ferramentas que foron desenterradas no lugar. A análise radiométrica destes residuos orgánicos -mediante o célebre método do carbono 14- podería axudar aos científicos a determinar a idade do xacemento, pero só dunha forma aproximada.
Arturo de Lombera recorda a este respecto que o carbono 14 só serve para datar con exactitude os restos orgánicos que teñen unha antigüidade de ata 50.000 anos aproximadamente. Cando os residuos son máis antigos, a análise radiocarbónica só vale para saber que superan efectivamente esa idade, pero non para datalos con máis exactitude. Por exemplo, non indica se teñen 70.000 ou 200.000 anos. «O problema é que os artefactos que apareceron xunto as eses carbóns teñen seguramente bastante máis de 50.000 anos, xa que a súa tipololoxía indica que foron fabricados no Paleolítico Inferior», explica o arqueólogo. Non obstante, esta análise pode servir para que os científicos averigüen a idade da formación das camadas de terreo na zona, o que axudaría a precisar mellor a antigüidade do xacemento.