Organizan en Quiroga un orixinal festexo a fin de rehabilitar o colexio unitario de Soldón da Seara
29 abr 2008 . Actualizado a las 11:33 h.Arrecadar fondos para a rehabilitación da antiga escola unitaria de Soldón da Seara, construída en 1940 polos veciños e abandonada desde 1974, é o obxectivo dun festexo organizado por un grupo de xoves quirogueses que anuncian a súa iniciativa en Internet baixo a denominación de Frikiroga. O festexo, segundo indican os seus promotores, celebrarase o próximo sábado ao longo de todo o día na parroquia da Ermida e preténdese tamén que sexa «unha convivencia entre frikis que saen por un día do armario».
No programa figuran os grupos musicais Ruxe-Ruxe, Ultraqäns, Santa Compaña, Armadanzas, Nunca se Sabe e Kain2333, así como o peculiar cantante Cañita Brava, o grupo de gaitas O Recanto, a charanga Os Veraneantes e o Circo de Pulgas Carrusel. As actividades previstas inclúen ademais un campeonato de liado de cigarros, diversos xogos populares e unha competición deportiva «friki e posmoderna», segundo os organizadores, que xorde «da mestura entre o tradicional xogo da chave e a play-station ».
A iniciativa está a ser difundida mediante unha páxina web que se encontra no enderezo blogoteca.com/frikiroga e que inclúe dous vídeos realizados en ton humorístico nos que se pode ver, entre outras paraxes de Quiroga e da Serra do Courel, a antiga escola unitaria que se pretende restaurar.
Función social
Segundo indican os autores da páxina, o edificio quedou sen uso desde que os alumnos das parroquias rurais foron concentrados en Quiroga, a mediados dos anos setenta, e foi deteriorándose cada vez máis a causa do abandono. Na actualidade sufre serios desperfectos na cuberta e no piso de madeira, que está apodrecido.
Os organizadores do festival din tamén que o Concello de Quiroga ofreceu a posibilidade de restaurar o antigo colexio para dedicalo a usos sociais se os veciños cedesen a súa propiedade. Pero consideran máis interesante que o edificio siga sendo «de propiedade comunal, igual que os montes», e por este motivo decidiron reunir fondos para pagar as obras mediante unha iniciativa de carácter lúdico e festivo.
A vella escola unitaria, recordan os promotores da festa, foi custeada polos veciños de Soldón da Seara, que a construíron ademais coas súas propias mans. O edificio consta dunha planta baixa, na que estaba a escola propiamente dita, e dun piso superior onde se encontraba en tempos a vivenda dos mestres.