Un dos achados de maior interese da campaña recén terminada foi o que se levou a cabo na primeira escavación ao aire libre realizada dentro deste amplo proxecto de investigación, que tivo por escenario a aldea de Pedras, no municipio do Saviñao. Pese ás condicións adversas en que efectuou o traballo a causa das chuvias das últimas semanas, os investigadores puideron desenterrar neste sitio unha vintena de artefactos e numerosas mostras de restos orgánicos.
Este xacemento soterrado abre a posibilidade de efectuar unha datación moito máis segura que as que se fixeron ata agora no territorio da comarca de Lemos. A análise estratigráfica do terreo en que se localizaron estes obxectos podería proporcionar datos concretos sobre a idade do asentamento, o que non é posible cando os útiles paleolíticos aparecen na superficie, fóra do seu contexto orixinal.
Restos vexetais
Os investigadores tamén recolleron nesta escavacións numerosas mostras de madeira carbonizada que apareceron nos mesmos niveis que os artefactos tallados en pedra. A orixe deste material orgánico, de momento, non é fácil de precisar. «O que parece bastante seguro é que eses carbóns non proceden dun fogar, porque os restos de fogueiras teñen outra estrutura», comenta o que o arqueólogo Arturo de Lombera. «Na sondaxe non encontramos vestixios de cubetas escavadas na terra, que acompañan sempre os rastros de fogueira, así que é máis probable que estes carbóns procedan de incendios, por exemplo», agrega.
En todo caso, espérase que o estudio destes vestixios orgánicos no laboratorio proporcione datos de grande interese para a investigación. «Os carbóns poden axudarnos a saber se os artefactos están no seu contexto primitivo ou se o terreo foi removido en momentos posteriores, e tamén poden servir para reconstruír o medio ambiente da época», explica De Lombera. No lugar recolléronse ademais numerosas mostras de terra que poden conter pole fosililizado, un material que tamén pode ser moi útil para obter datos.