Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

De O Incio sairá un tráiler para teitar pallozas do Cebreiro

La Voz

LEMOS

30 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Teitar de palla unha palloza de tamaño medio ou grande pode custar entre 12.000 e 15.000 euros. Este é o prezo que Galicia lle está pagando a Castela para teitar as pallozas de O Cebreiro e Os Ancares. Cómpre saber que a palla que se vai empregar en teitar estas construcións ten que facerse con moito coidado e case de xeito tradicional, porque si se machuca o tallo do centeo despois entrará a auga na vivenda. Pese a iso, o máis caro do proceso non é obter o material, senón o transporte, algo que se aforraría se os proxectos como este de Vilasouto se consolidaran e espallaran. De momento, segundo aseguran dende a Consellería de Medio Rural, de aquí vai saír un tráiler con palla para as devanditas localidades da montaña lucense.

Pero este non é loxicamente o único obxectivo do proxecto, pois tamén está o aproveitamento do gran. O gran de centeo tamén vai ser derivado ás panaderías. No tocante ao trigo do país, este vaise destinar á produción de fariña e a elaboración de pan tradicional, mentres que o foráneo vai ter un fin máis industrial, xa que irá destinado ás cooperativas e a alimentar o gando. Ao parecer xa hai dúas empresas, unha de Sarria e outra de Xinzo de Limia, que estarían interesadas en adquirir unha parte do trigo que se recolla en Vilasouto unha vez que se celebre a malla, que será ben o 10 ou o 15 de agosto segundo barallan os comuneiros.

Este valoran que grazas ao seu traballo, tamén axudan a protexer do lume unha extensión de 100 hectáreas de piñeiros situados nos arredores da zona de cultivo.