Este ano cúmprese o centenario do pasamento dun dos políticos máis destacados da comarca de Sarria
30 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Neste ano 2008 cúmprese o centenario da morte do político Don Benigno Quiroga López Ballesteros, que gozou en vida de grande popularidade en toda a comarca de Sarria, polo seu compromiso co desenvolvemento da mesma e as súas decididas xestións para conseguir o avance económico e social dos concellos que a forman.
Benigno Quiroga, con retrato exposto na Casa Consistorial de Sarria, tivo casa na Pobra de San Xiao, e foi moitas veces representante en Cortes pola provincia de Lugo.
Foi enxeñeiro de montes, e seguiu a carreira con tanto aproveitamento que sendo moi novo foi profesor da escola establecida entón en El Escorial. En Madrid e outros distritos prestou servizos nas comisións de repoboación e rectificación dos catálogos de montes públicos, antes de comezar a súa carreira política.
Ao pouco tempo foi elixido secretario do congreso, cargo ostentado en varias lexislaturas, tanto estando o seu partido no poder coma na oposición. En 1855 foi nomeado director xeral de Agricultura, Industria Comercio e nese posto contribuíu a realizar moitas melloras, destacando polo seu carácter reformista. Unha das súas mellores iniciativas foi a celebración dun congreso vinícola que tivo moi bon suceso.
Máis adiante, no arquipélago filipino tivo o cargo de director xeral da Administración Civil, e despois o de Intendente das illas. Nese período levou adiante moitas medidas civilizadoras promovendo reformas que non foron moi ben recibidas polo clero (frades agostiños), sen que os obstáculos postos torceses a súa firme decisión de introducir melloras naquelas provincias. O clero non vía con bons ollos a súa pertenza a masonería.
Con ocasión dos sucesos de Poanpé organizou con presteza as expedicións dirixidas as illas Carolinas, con tal efectividade que o capitán xeral de Filipinas e Gobernador destas, propuxo ao goberno que lle concedese a Grande Cruz do Mérito Militar que lle concederon. Cando regresou a península, todos os empregados civís das illas fixeron a encadernación dun álbum no que se recolleron todas as ordes e decretos por el dados nunha mostra de cariño.