Cantos centenarios da serra

LEMOS

A cantora popular Ilda Álvarez recolle nun disco unha ampla mostra da variada tradición musical do Courel

15 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A difusión do pouco coñecida tradición musical da serra courelá deu un importante paso en 1998 coa edición do libro-disco Músicas do Caurel , promovida por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. A obra, que foi seguida máis tarde por un segundo volume e está agora á espera dun terceiro, recollía unha ampla serie de cantares e melodías populares interpretadas por músicos non profesionais da zona que participan cada ano no Filandón de Músicas do Courel. A divulgación deste patrimonio musical avanza agora un pouco máis coa aparición dun novo disco, dedicado en exclusiva a un destes intérpretes populares e editado polo selo lucense Sons Galiza. A obra títulase Cantares da Serra do Caurel e recolle unha ampla selección de pezas tradicionais na voz de Ilda Álvarez Macía, cantora popular da localidade de Ferreirós.

A edición consta dun disco con 22 pezas cantadas por Ilda Álvarez, así como un deuvedé con imaxes da cantora interpretando algúns destes temas en diversos lugares característicos da serra. O conxunto complétase cun libriño redactado por Xosé Lois Foxo que ofrece unha serie de datos biográficos sobre a cantora e sobre a música tradicional da montaña lucense.

Épocas diversas

Ilda Álvarez, nacida en 1935, filla e neta de músicos populares, posúe un amplo repertorio de cancións que, segundo indica Foxo, «constitúe un riquísimo arquivo da música que circulou en distintas épocas» neste territorio e que «van dende os romances medievais de orixe carolinxia (século VIII) ata os cantares nacidos durante e despois da guerra civil española». Este patrimonio musical está formado por pezas de moi diversa procedencia e unha parte dos cantares recollidos no disco están cantados en castelán, mentres que outros empregan o galego propio da Serra do Courel.

A cantora interpreta a maior parte das pezas sen máis acompañamento que as voces doutros músicos populares da serra. Foxo apunta a este respecto que a «liberdade absoluta no ritmo» que caracteriza aos cantares tradicionais da serra fai que sexa difícil combinalos cos instrumentos. Aínda así, a voz de Ilda é acompañada nunha das pezas pola violinista Tatiana Kostomarova e noutra polo propio Foxo, quen toca unha antiga gaita courelá. Trátase, respectivamente, dos romances Mora linda e A pastora do Caurel .