Alumnos e profesores repararán aparellos nas xornadas de software libre do instituto monfortino
09 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O instituto monfortino A Pinguela celebrará esta semana a quinta edición das súas xornadas de divulgación do software libre, que traen este ano unha importante novidade. As xornadas incluirán un obradoiro de reparación gratuíta de ordenadores persoais, no que os alumnos do departamento de informática do centro se encargarán de arranxar os aparellos de todas as persoas que o soliciten.
O obradoiro desenvolverase o xoves, de 9 a 14 e de 16 a 21 horas. Segundo explica o profesor Víctor Manuel Alonso, responsable do departamento de informática do instituto, as reparacións non cubrirán a adquisición de pezas novas no caso de que sexan necesarias. «En todo caso, farase un diagnóstico de cada ordenador e indicaráselle ao propietario o material que se necesite para completar a reparación», comenta. A experiencia ten por obxectivo ofrecer aos alumnos a posibilidade de realizar práticas reais. «Os propietarios dos ordenadores poden estar seguros de que os aparellos non correrán ningún risco, porque o traballo será feito por alumnos ben capacitados e coa supervisión dos profesores», agrega Alonso.
Ademais desta actividade, as xornadas comprenderán varias conferencias divugativas sobre informática que estarán abertas a todas a persoas interesadas e que neste caso correrán a cargo de tres profesores do campus universitario de Ourense. Todas estas charlas impartiranse mañá.
Na primeira intervención, de 10.30 a 11.45 horas, Roberto Rosende Dopazo falará sobre a chamada virtualización, ou sexa, o proceso que permite crear dispositivos ou recursos virtuais para que unha soa máquina poida funcionar como se se tratase de varios ordenadores diferentes.
Seguidamente, entre as 12.15 e as 13.30 horas, Javier Rodeiro Iglesias falará sobre a seguridade dos ordenadores, facendo fincapé nos métodos para obter datos de forma ilícita e nos sistemas de recuperación de datos. A última conferencia será pronunciada entre as 16.30 e as 18 horas por Raúl Piñeiro Martínez e centrarase na seguridade no uso das redes informáticas sen fíos.