O artista Suso Talento deseñou o cartel que anunciará a trigésima edición da cita vinícola de Sober
11 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O pintor Jesús Fernández López, natural do Saviñao e máis coñecido polo nome artístico de Suso Talento, é o autor do cartel que anunciará a edición número trinta da Feira do Viño de Amandi. O deseño foi presentado onte polo propio artista na casa consistorial de Sober, acompañado polo alcalde José Gómez, a concelleira Mari Carmen Agrelo e o axente de desenvolvemento local Carlos Losada, que anunciaron por outro lado que durante a feira poderá verse unha exposición de obras do pintor inspiradas en motivos típicos da Ribeira Sacra.
O cromatismo do cartel pretende evocar a cor das follas das vides en outono porque esa tonalidade, segundo explicou o propio pintor, «é a que máis me inspira». O deseño estrutúrase en torno a un motivo circular que Suso Talento describe como «un rosetón románico, pero surrealista», e emprega repetidamente a cifra 30 para suliñar a veteranía da feira vinícola, unha das máis antigas de Galicia. O conxunto complétase cunha copa de viño e gotas que saltan en todas as direccións.
O cartel comezará inmediatamente a ser distribuído por toda a provincia e o resto de Galicia, coa fin de atraer o maior número de visitantes á feira que se celebrará entre os días 27 e 28. Os responsables municipais indicaron así mesmo que a próxima edición da feira contará coa participación dunha vintena de adegas, unha cifra similar á de todos os anos.
Certame literario
Os organizadores do festexo sinalaron tamén que o xurado do cuarto concurso literario sobre a tradición vinícola de Amandi convocado entre os centros de ensino da comarca comezará en breve a examinar os trece traballos presentados. O próximo día 24 daranse a coñecer os nomes dos tres gañadores.