Para o mes próximo pode estar terminado o proceso de montaxe de Contra a morte , un documental biográfico sobre Lois Pereiro, segundo as previsións dos seus directores, Alexandre Cancelo e Iago Martínez. O filme, que terá aproximadamente unha hora e media de duración, pode estar en condicións de ser estreado para principios do próximo outono. Os realizadores xa adiantaron hai tempo a súa intención de estrealo en Monforte, pero para fixar unha data concreta -segundo explicaron- haberá que contar co parecer do Concello, que participará na organización do acto.
O filme foi rodado en boa parte en Monforte -e noutros lugares estreitamente relacionados coa vida de Pereiro, como A Coruña, Madrid ou Berlín- e a súa estrea estaba prevista en principio para o ano pasado. Porén, o proceso de produción prolongouse máis do previsto debido á grande cantidade de material gravado que manexaron os seus realizadores. «Traballamos con máis de cen horas de gravación que inclúen entrevistas moi longas con diversas persoas que coñeceron persoalmente ao poeta e foi bastante complicado ordenar todo este material», explica Alexandre Cancelo. O filme foi coproducido pola empresa coruñesa IB Cinema e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones e será editado en formato deuvedé xunto cunha antoloxía de poemas de Pereiro en varios idiomas.
No documental interveñen coñecidas figuras do mundo cultural galego que mantiveron amizade co poeta monfortino -como Manuel Rivas, Antón Patiño, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Xavier Seoane-, pero tamén outros amigos persoais que non están relacionados directamente con ese mundo. O filme incluirá ademais varias colaboracións dos grupos musicais 6pm, Nadadora, Sin Red e O Leo i Arremecághona!!!
Retrato dunha época
Os autores do documental, que non coñeceron persoalmente a Lois Pereiro, xa apuntaron durante a súa filmación que a obra non pretende ser únicamente unha biografía do escritor senón un retrato da época en que viviu e de toda a súa xerazón.
A demora na realización de Contra a morte propiciará a coincidencia entre a aparición do filme e os preparativos do Día das Letras Galegas dedicado ao poeta monfortino, algo que os seus autores estaban lonxe de prever cando comezaron este traballo. Esta coincidencia, en opinión de Alexandre Cancelo, pode axudar á difusión do documental e da figura e da literatura de Lois Pereiro. «E a canta máis xente chegue, mellor», di o realizador.