Hermida coordinará a primeira xornada de observación de quirópteros que se realiza na provincia
21 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Roberto Hermida, biólogo da asociación Drosera, é un dos responsables de actividades da Noite Europea dos Morcegos que se levarán a cabo no Courel o próximo día 28. É a primeira vez que se celebra na provincia de Lugo -e a terceira en Galicia- esta xornada internacional de estudo e divulgación dos quirópteros, que comprende numerosas actividades desenvolvidas simultaneamente en más de trinta países.
-¿Por que se escolleu O?????Courel para esta convocatoria?
-Porque no Courel están as poboacións de morcegos de maior diversidade de Galicia, é dicir, é a zona que conta cun maior número de especies diferentes en toda a comunidade. En Galicia están catalogadas 23 especies de morcegos e O??????Courel tenas case todas. A existencia de covas naturais e de diversos tipos de bosque favorece esta diversidade. Nos soutos do Courel conviven moitas especies distintas, algunhas delas moi escasas en todo o territorio galego, como é o caso do nóctulo pequeno ou Nyctalus leisleri .
-¿Para participar, é preciso ter coñecementos previos sobre os morcegos?
-Non, porque o noso obxectivo é precisamente difundir o coñecemento destes animais entre a xente que sabe moi pouco deles ou que non sabe nada. Ofreceremos unha conferencia divulgativa e unhas actividades práticas para que a xente coñeza mellor a bioloxía e os hábitos destes animais e a súa importancia ambiental.
-¿Que é o que poderán facer os participantes?
-Terán ocasión de presenciar unha captura de morcegos e de observalos de cerca, algo que sucede moi poucas veces. Tamén asistirán á saída dos morcegos dun dos seus refuxios, nun lugar seleccionado por nós, e poderán escoitar os sons que emiten estes animais coa axuda de receptores ultrasónicos.
-¿Haberá máis edicións desta xornada no Courel?
-De momento non, porque pretendemos movela por toda Galicia en anos sucesivos para acercar estes coñecementos ao maior número posible de persoas. Mais a nosa asociación ten previsto seguir estudando durante moito tempo as poboacións de morcegos da serra, algo que xa estamos a facer desde hai varios anos. Tamén temos en proxecto unha investigación ampla sobre os morcegos dos soutos que se desenvolvería en grande parte no Courel e estamos á espera dunha axuda que pedimos para realizala.