Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A accesibilidade dos museos, a debate no pazo de Tor

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

Expertos de diversas institucións falarán en Monforte sobre a oferta de recursos culturais para discapacitados

08 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A rede museística da Deputación organiza hoxe no pazo monfortina unha xornada na que se analizará os problemas de accesibilidade aos museos por parte de persoas discapacitadas. A iniciativa pechará un ciclo de actividades centradas nestas cuestións que se desenvolveu desde o 18 de decembro nos diferentes museos da rede provincial.

Pola mañá, a partir das dez, haberá unha serie de conferencias a cargo de expertos do Ministerio de Cultura, do Museo Marítimo de Barcelona, dos museos municipais de Alacante e da propia rede museística lucense. Pola tarde, ás catro e media, celebrarase unha mesa redonda na que intervirán técnicos de diversos museos e representantes de varias asociacións de discapacitados. Unha das ideas principais que se defenderán nesta xornada é que «o acceso dos discapacitados aos servizos culturais non é un agasallo, senón un dereito garantido pola lei», segundo apunta a xerente da rede museística, Encarna Lago.

O programa de actividades da xornada complementarase con dous concertos que se ofrecerán a partir das oito da tarde. O primeiro deles correrá a cargo da cantante Ugia Pedreira, cuxo repertorio abranxe estilos variados como o folk, o ska e os boleros. Seguidamente, ás oito e media, presentarase unha edición crítica do cancioneiro Ayes de mi país , a primeira recopilación de cantigas populares galegas, realizada no século XIX polo folclorista e escritor pontevedrés Marcial Valladares. A obra, ata agora inédita na súa versión completa, acaba de ser editada polos investigadores Isabel Rei e José Luis do Pico Orxais. A presentación comprende un recital de guitarra no que se interpretarán pezas deste cancioneiro.