«Non vale saber por mecánica, hai que comprender e saír adiante»

laura lópez LUGO / LA VOZ

LEMOS

Este mozo de Rábade representará a España no campionato iberoamericano

12 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Alejandro Vilar López pasou unha fin de semana moi especial. Acaba de chegar de Murcia, onde gañou unha medalla de ouro nas olimpíadas nacionais de Física, ademais dun premio á mellor proba experimental. Este mozo de 17 anos, natural de Rábade, cursa segundo de Bacharelato no instituto lucense Lucus Augusti. En setembro, representará a España nas olimpíadas iberoamericanas de Física, en Ecuador.

-¿Que probas tiveches que facer nas olimpíadas?

-O primeiro foi unha proba experimental de catro horas, e despois tivemos tres cuestións teóricas. No primeiro caso, que foi polo que me deron un premio especial, déronnos o material e un guión. Tivemos que construír o experimento, tomar datos, analizar e sacar conclusións.

-¿En que consistiu o experimento?

-Foi sobre magnetismo, había que determinar o campo magnético terrestre, a partir dunha pila, cables, imán, cronómetro, polímetro e outras cousas. A grandes liñas, envolvín os cables nas bobinas, pasei unha corrente, colguei un imán no medio e estudei a forza que fan as correntes sobre o imán e fixen unha serie de cálculos. Era a primeira vez que facía algo así.

-¿Foron moi complicadas as cuestións teóricas?

-Foron problemas que esixían moito enxeño e moito máis relacionados coa realidade que os que facemos na clase. Por exemplo, un deles trataba sobre o aproveitamento da enerxía solar en Murcia. Hai que estudar para saber facelo, non vou dicir que non, pero máis ben para ter unhas bases. Despois, non vale saber algo por mecánica, hai que comprender e tirar para adiante. No instituto, sen embargo, repetimos o mesmo esquema de problema moitas veces.

-¿Gustaríache dedicarte á física de xeito profesional algún día?

-Si. O ano que vén irei á Universidade, e dubido entre Matemáticas e Física, pero imaxino que me decantarei por esta última. En canto ao traballo, gustaríame dedicarme á investigación, pero non sei en que ámbito porque descoñezo en que campos traballa a física actualmente. A física máis actual que se estuda no instituto ten 150 anos, estamos bastante desvinculados da realidade.

-¿Por que che gusta tanto a física?

-Desde sempre me gustaron a física e as matemáticas porque son as materias que máis concentración requiren, as que máis me esixen. Gústame como a partir de poucas cousas sacas moito, son áreas de moita abstracción. Paréceme algo moi entretido. Ademais, meu pai dá clases de matemáticas na Universidade, e miña nai e meu padriño, de física en institutos, así que a física sempre foi algo do que puiden falar na casa, debater e consultar dúbidas.

-¿E os teus amigos que opinan da túa afección?

-Non me tachan de friki, felicítanme polos meus logros. Son unha persoa normal, á que lle gusta saír e estar cos amigos, e a física é un interese máis.

-¿Que premio gañaches?

-Polo experimento, unha viaxe a Alemaña para dúas persoas, e pola medalla, 750 euros e a proba en Ecuador. Non estou nervioso, estudarei o que poida e listo. A Murcia fun para pasalo ben e coñecer xente, e logreino, con iso xa me dou por satisfeito.

alejandro vilar alumno do lucus augusti, gañador das olimpíadas nacionais de física