Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O románico de Pantón débelle moito á riqueza da viticultura»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

Sobrado falará hoxe en Ferreira sobre os viñedos do Sil na Idade Media

27 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O historiador Xosé Luís Sobrado Pérez, con raíces familiares na Pobra do Brollón, abrirá hoxe as Xornadas da Rota do Románico de Pantón cunha conferencia -ás 20 horas, na casa consistorial de Ferreira- sobre o cultivo da vide na zona durante a Idade Media. Sobrado fundou o Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño e é asesor do futuro Museo do Viño de Ribadavia.

-¿Hai moita documentación da época medieval sobre os viñedos de Pantón e da Ribeira Sacra en xeral?

-Si, hai moitos documentos históricos relativos á viticultura nesta zona. De feito, a Ribeira Sacra e o Ribeiro son as dúas zonas de Galicia das que se conserva máis documentación da Idade Media. Actualmente coñecemos en torno a 8.000 documentos medievais sobre a viticultura en Galicia e unha parte moi grande deles procede destes dous territorios, sen dúbida porque eran as zonas produtoras máis importantes.

-¿Onde se conservan eses documentos?

-En grande parte proceden dos antigos arquivos dos mosteiros de Ferreira, de Pombeiro e de San Vicente do Pino. Tamén hai bastantes nos arquivos da catedral de Lugo. No caso de Ferreira e de Pombeiro, temos ademais a sorte de que eses documentos están xa publicados.

-¿En que medida repercutía a viticultura na riqueza económica desta zona?

-O viño era o produto máis importante do comercio medieval e xeraba moita riqueza nas zonas produtoras. No caso da Ribeira Sacra, iso nótase na abundancia e na monumentalidade das igrexas medievais, unhas construcións moi custosas que indican a existencia dun poder económico moi forte. O patrimonio románico de Pantón, sen dúbida, débelle moito á riqueza da súa viticultura.

-¿A viticultura nesta zona presentaba algunha característica especial?

-Na documentación histórica non se nota ningunha peculiaridade destacable. A Ribeira Sacra é o Ribeiro eran as zonas vitícolas por excelencia e eran as que marcaban a normalidade neste terreo, por dicilo así. O que é moi notable é que ademais dos viñedos, neste territorio había un agricultura sumamente importante e variada. Había árbores froiteiras de todo tipo, soutos, cereais e tamén moitas oliveiras. Ademais de viño, producíase moito aceite.

-¿A quen pertenecían todos eses viñedos?

-Sobre todo ás institucións relixiosas. Hai tamén referencias documentais sobre algúns pequenos propietarios laicos, pero tiñan pouca importancia.

xosé luís sobrAdo pérez historiador