Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Inspireime en tradicións que orixinaron o Camiño de Santiago»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

O autor de Carballedo publicou un libro para rapaces e terminou outro sobre a cultura tradicional do viño

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O escritor Xosé Lois Ripalda, natural de Carballedo, acaba de facer unha nova achega á literatura infantil e xuvenil galega coa obra O camino dos druídas, editada por Ir Indo. Para finais de ano espera que apareza outro libro seu, A cultura do viño, encadrado na outra modalidade que cultiva este autor, entre a crónica o ensaio etnográfico.

-¿De que trata «O camiño dos druídas»?

-É unha historia fantástica porque aparecen personaxes imaxinarios como bruxas e trolls, pero para escribila inspireime en tradicións que creo que teñen un fondo verídico e que orixinaron o Camiño de Santiago. É a historia de sete mozos que percorren un antigo camiño desde o centro de Europa ata a costa atlántica, que supostamente serviu de base á ruta xacobea. É unha viaxe chea de perigos que simbolizan os riscos que hai que afrontar na vida.

-¿Pensa seguir traballando neste tipo de literatura?

-Xa teño escrito outro libro para rapaces que se titula O val da deboura e que fala de como era a antes a vida nas aldeas. Eu crieime nese mundo e despois traballei moito tempo como mestre rural en diversos sitios de Galicia e Asturias, así que coñezo moi ben ese ambiente. Eran tempos en que os transportes e as comunicacións eran moi precarios e xente vivía moi pechada na súa aldea e na súa parroquia. Foi unha época moi diferente da actual e paréceme interesante contar hoxe como se vivía entón, porque a xente máis nova xa non sabe como era aquilo.

-No seu libro sobre o viño é de supor que falará tamén da Ribeira Sacra.

-Por suposto que si, dedícolle un capítulo enteiro. No libro falo das modernas denominacións de orixe e doutros aspectos actuais, pero interesábame sobre todo rememorar as tradicións que hoxe están praticamente esquecidas: como se facía unha cuba, como se esmagaban as uvas no lagar, como se vendía o viño nas baiucas... E tamén os contos populares, os refráns e as adiviñas en torno ao mundo do viño e da viticultura. Para escribir sobre todas estas cousas utilicei en boa medida as lembranzas da miña parroquia natal de Erbedeiro.

-¿Tiña moita importancia o viño nesa zona?

-Tiña bastante máis importancia que a que ten hoxe, porque por desgraza Erbedeiro está case deshabitada e a produción de viño decaeu moito, como decaeron moitas outras cousas. Entón non había ese predominio da mencía que se dá hoxe e a uva que se cultivaba na miña parroquia era sobre todo alicante, que daba un tintorro ácido. Pero producíase moito e era o viño que lle gustaba á xente, era o que máis pedían os arrieiros nas cantinas... O que vexo que mellorou moito con respecto a outros tempos é a cuestión dos accesos aos viñedos. Antes era moi difícil vendimar nas ribeiras e había moitos sitios onde só se podía recoller a uva coa axuda de barcas.

xosé lois ripalda escritor