O Courel inicia o verán sen puntos de información turística

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

A aula da natureza de Moreda está pechada desde a Semana Santa

21 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Courel iniciará a temporada de verán sen poder contar con ningún dos dous centros de información turística e ambiental existentes no municipio. Como xa se informou, a aula informativa creada pola Deputación na Estación Científica do Courel (ECC) deixará de funcionar o 1 de xullo, ao finalizar os contratos do persoal que atende este servizo. Por outro lado, a aula da natureza de Moreda -creada en 1991 e xestionada pola Consellería de Medio Rural- está pechada desde que finalizou a Semana Santa e non se sabe aínda cando poderá entrar de novo en servizo.

Polo que respecta á aula da ECC, o grupo municipal socialista afirma que xa solicitou á Deputación que a reabra canto antes. «Dixéronnos que van tratar de conseguir fondos para que siga funcionando, pero por agora non se sabe cando poderá facerse», explica o portavoz do PSOE, Francisco Javier Castro.

En canto á aula de Moreda, o goberno municipal pediu a Medio Rural que a poña de novo en funcionamento no prazo máis breve posible. Neste caso tampouco se pode apuntar unha data para a reapertura. «Como mínimo debería estar a aberta para a campaña do outono, que é unha das épocas do ano en que veñen máis visitantes ao Courel», sinala a alcaldesa Lola Castro.

O persoal que atendía a aula de Moreda foi contratado por última vez hai catro anos. O período de contratación duraba inicialmente dous anos, pero despois prorrogouse por outro bienio. «O contrato terminou e marzo e xa non era posible facer máis prórrogas -explica a alcaldesa-, pero a petición do Concello colleron a unha persoa para que atendese a aula durante a Semana Santa». En marzo foi precisamente cando se inaugurou a aula ambiental da ECC, financiada con fondos europeos do programa Lug02.

Peches temporais

Por outra parte, a asociación ecoloxista SOS Courel recorda que a aula de Moreda foi pechada varias veces durante os vinte anos que leva en funcionamento, ao terminar as contratacións do persoal que acollía aos visitantes. «En todas esas ocasións protestamos á Xunta e acabaron por abrila de novo», apunta Orlando Gregorio Álvarez, portavoz de este colectivo.