Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Descubren en Pantón un grupo de petróglifos non catalogados

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Os gravados están cerca dunha mámoa que tampouco fora inventariada

06 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O patrimonio arqueolóxico do municipio de Pantón acaba de verse incrementado coa descuberta dun conxunto de petróglifos e unha mámoa na zona coñecida como monte de San Paio, entre as localidades de San Romao de Acedre, Santiago de Cangas e Frontón. As insculturas foron localizadas por un veciño da zona que examinaba estes terreos para facer os deslindes entre os montes comunais destas parroquias. O achado xa foi comunicado á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para que proceda á sua catalogación.

Os petróglifos están repartidos en varios penedos baixos que afloran na superficie a pouca distancia uns dos outros e son do tipo coñecido como coviñas ou cazoletas, o máis frecuente nos municipios de Pantón e Sober. Algunha destas rochas foi arrancada do solo, presumiblemente hai bastante tempo e coa intención de obter pedra de cantería.

Nas inmediacións dos petróglifos encóntrase unha mámoa que, ao igual que as insculturas, non figuraba ata agora nos inventarios do patrimonio arqueolóxico. O túmulo foi danado parcialmente coa construción dunha pista que se levou a cabo xa hai anos. Esta pista foi ampliada en tempos recentes, co cal aumento lixeiramente o deterioro do xacemento.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo, que examinou o xacemento en días pasados, considera pouco probable que exista unha relación directa entre os petróglifos e a mámoa a pesar de encontrarse case no mesmo lugar. Ata agora, segundo indica, en ningunha parte de Galicia se encontraron indicios claros dun vínculo entre os petróglifos e os túmulos megalíticos, aínda que nalgúns casos estes elementos poden pertencer aos mesmos períodos da prehistoria recente. A mámoa ten unhas dimensións de tamaño medio -en torno a dezaséis metros de lonxitude- e encádrase nun tipo moi usual en toda Galicia, sen presentar ningunha característica especial.