Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

San Clodio inaugurará un parque e unha ruta ciclista nas súas festas patronais

quiroga / la voz

LEMOS

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Ribas do Sil inaugurará un parque ciclista provisto de rampas para acrobacias na véspera das festas patronais de San Clodio, que se celebrarán entre os días 30 e 31. A instalación, na que se investiron 40.000 euros, foi construída coa axuda do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra e da Deputación e ocupa un terreo sen uso situado por detrás do colexio público local.

A apertura do parque celebrarase cunha competición para escolares que comezará ás tres e media da tarde do día 29. Seguidamente será inaugurada unha ruta sinalizada para paseos en bicicleta que arranca neste parque e discorre por diversos camiños das inmediacións da capital municipal.

Programa festivo

Polo que respecta aos festexos, as actividades comezarán ás dez da mañá do día 30 cunha alborada a cargo de banda municipal de gaitas. Ás doce do mediodía haberá un oficio relixioso na igrexa da vila e unha hora máis tarde empezará unha exhibición de cabalos na que participarán diversos criadores da zona. Ás 13.30 celebrarase o tradicional xantar nunha carpa instalada na praza Maior, onde se servirá un menú a base de empanada, polbo e bica. Ás oito da tarde haberá un magosto popular no mesmo lugar, seguido dun baile e unha verbena animados pola orquestra Emperadores.

O segundo e último día das festas, como é habitual, unha parte da programación estará dedicada aos maiores. Con este motivo ofrecerase ás 13 horas na praza do Concello unha actuación da banda de gaitas, seguida dunha comida a base de pinchos e un baile animado por unha orquestra.

Ás oito da tarde haberá unha pancetada popular e ás nove comezará unha verbena amenizada pola orquestra pontevedresa Filadelfia. A formación fará un pase especial para celebrar o final da súa temporada anual de actuacións, que terminará precisamente nestas festas.