O achado dun novo xacemento aumenta a protección arqueolóxica da zona
03 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está a catalogar a mina de ouro romana descuberta recentemente cerca da aldea de Louxadelas, no municipio de Ribas do Sil, que consiste nun túnel de explotación de cerca de 130 metros de lonxitude escavado nun monte da Serra da Moá. No inventario arqueolóxico da Consellería de Cultura será incluída tamén a explotación a ceo aberto do Covallón, situada a uns douscentos metros deste lugar. Esta mina tampouco fora catalogada ata agora a pesar de que -ao contrario do túnel- está moi lonxe de pasar desapercibida, xa que foi sinalizada en tempos recentes coa axuda do consorcio turístico da Ribeira Sacra.
O responsable do servizo arqueolóxico de Patrimonio na provincia, Gonzalo Meijide, sinala que por agora non está previsto facer ningún estudo ou intervención nestes xacementos. «De momento, o único que se vai facer é unha delimitación xeográfica co obxecto de protexer estes lugares», explica. Nin sequera está previsto realizar medicións para determinar as dimensións exactas destas antigas explotacións, pero iso non é necesario para incluílas nos inventarios oficiais e para tomar medidas de protección.
Mais adiante, se os recursos económicos o permiten, poderíase realizar algunha investigación nestes lugares. Non obstante, Meijide recorda que na provincia e no resto de Galicia hai moitos outros xacementos arqueolóxicos de diversas épocas que tamén están sen estudar. «O que importa é que estes sitios estén ben identificados para impedir que poidan sufrir algún dano», apunta a este respecto o arqueólogo.