O novo centro abrirá as súas portas o 2 de decembro
23 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O Concello de Quiroga inaugurará o 2 de decembro -ás 12.30 horas- o museo de xeoloxía e paleontoloxía que creou co apoio do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra. Os responsables municipais confían en que o novo centro sexa un importante atractivo no terreo do turismo cultural e tamén un referente no plano educativo en toda Galicia, por ser o primeiro museo da comunidade dedicado exclusivamente a esta temática. A este respecto, espérase que unha boa parte do público esté formado por alumnos de universidades, institutos e colexios.
Por agora -apuntan desde o Concello- xa é seguro que o novo museo acollerá con frecuencia visitas de alumnos da Facultade de Ciencias da universidade coruñesa. Así o manifestou recentemente a paleontóloga Aurora Grandal, profesora deste centro e investigadora do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, institución que colaborou coa creación do museo prestando asesoramento científico e cedendo diversos fósiles da súa colección.
Os horarios do museo, de acordo con esta intención, serán especialmente flexibles cando se trate de acoller visitas de centros educativos e doutros grupos organizados. «Haberá a posibilidade de facer visitas á carta e intentaremos adaptarnos aos horarios que mellor conveñan a estes grupos», apunta o alcalde Julio Álvarez.
Rede museística
Despois da apertura oficial do museo, o Concello comezará a promocionalo a diferentes niveis, prestando especial atención aos centros de ensino. Para entón está previsto tamén solicitar o ingreso na Rede de Museos de Galicia. Adquirir esta categoría non só axudará a divulgar mellor a existencia do centro, senón que é un requisito para poder expor ao público os artefactos paleolíticos descubertos hai uns anos no lugar da Gándara Chá, nas proximidades do museo. «Pedimos permiso a Patrimonio para exhibir eses obxectos e dixéronos que para iso é preciso ser un centro de referencia, é dicir, estar integrados na rede museística», explican o responsables.
O goberno local tiña inicialmente a intención de facer coincidir a apertura do museo coa declaración do pregamento xeolóxico de Campodola como monumento natural por parte da Consellería de Medio Rural, pero finalmente decidiuse non esperar máis. «Os trámites para esa declaración xa están avanzados -explica Álvarez-, pero o proceso aínda pode tardar un par de meses en quedar acabado, así que optamos por abrir xa o museo para aproveitar a ponte da Constitución e o Nadal».