O Foro Social de Monforte, promovido polo movemento 15-M, fixo unha valoración positiva do seu primeiro encontro, celebrado a pasada fin de semana no instituto Río Cabe, considerando que cumpríu o seu obxectivo de de «ser unha ágora para que persoas con creatividade e proxectos se achegasen para coñecérense e compartiren inquedanzas».
Na reunión -agregan os promotores da iniciativa- encontráronse «sensibilidades comúns que traballan en eidos ben diversos» e creouse «un ambiente propicio para avanzar «niso que dun xeito ben ambiguo poderíamos chamar altermundismo». Os organizadores do foro afirman tamén que no encontro «xurdiron propostas concretas» para «articular respostas efectivas e locais» aos problemas económicos e sociais do sur da provincia. Así mesmo, animan a todos os interesados en coñecer estas propostas a asistir ás asembleas semanais que o movemento 15-M celebra os luns -a partir das sete da tarde- no seu «local de inverno», situado na rúa Valle-Inclán. Tamén poden contactar a través dos correos electrónicos forosocialdemonforte@blogspot.com, acampadamonforte@gmail.com e bankomun.blogspot.com.