O 5 de maio haberá unha homenaxe aos cantores populares de Margaride

quiroga / la voz

LEMOS

Julia González e Argentina e Emilio Rodríguez nunha actuación
Julia González e Argentina e Emilio Rodríguez nunha actuación

17 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación Amigos do Filandón de Músicas do Courel celebrará o 5 de maio unha homenaxe pública a tres veciños de Margaride de Lor, no municipio de Quiroga, que desde hai varios anos part¡cipan neste festival musical. Os homenaxeados son los irmáns Argentina e Emilio Rodríguez Pardo e Julia González Castaño, que actúan formando un trío baixo o nome de Cantores da Seitura.

A homenaxe comezará ás 13.30 horas cunha misa na capela de Margaride. Seguidamente, ás 14.30, celebrarase un xantar no hostal Río Lor no que haberá actuacións de diversos músicos populares que tamén participan habitualmente no Filandón de Músicas do Courel.

Os Cantores da Seitura colaboraron como informantes e intérpretes na elaboración dun libro-disco sobre a música tradicional do municipio de Quiroga que foi elaborado nos últimos anos por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense. A obra xa está terminada e preparada para publicar, pero aínda é necesario conseguir fondos para a edición, para a que se espera contar co apoio do Concello de Quiroga. A raíz da súa colaboración neste proxecto, os tres veciños de Margaride comezaron a participar no Filandón.

Xosé Lois Foxo sinala que estas personas posúen un amplo repertorio de cantigas tradicionais da comarca e destacan pola calidade das súas voces, aínda que nunca actuaron profesionalmente.