A análise dos restos orgánicos localizados o pasado verán en Cova Eirós, no municipio de Triacastela, onde foi encontrado o xacemento galego máis importante do home de Neandertal, está proporcionando notables mostras da fauna prehistórica da montaña lucense. Entre eles destacan os vestixios dun rinoceronte, o segundo animal deste tipo que se identifica en Galicia, así como restos de oso cavernario, oso pardo e diversas especies de herbívoros. Os investigadores do proxecto científico coordinado pola Universidade de Santiago esperan obter destes restos unha información valiosa acerca do medio ambiente en que viviron as comunidades humanas que utilizaron esta cova como refuxio en diferentes épocas.
O restos de rinoceronte consisten principalmente nun fragmento de dentadura -un pedazo de moa- que polo seu pequeno tamaño non permite determinar a que especie concreta pertencía, segundo explican as paleontólogas Aurora Grandal d'Anglade e Marta Pérez Ramo, encargadas do estudo dos restos biolóxicos encontrados na cova. A moa, que por agora non foi fotografada polos investigadores, podería proceder dun rinoceronte de Merck ( Dicerorhinus kirchbergensis ), especie extinta á que pertence outra peza dentaria achada a finais dos anos 80 na cova da Valiña, en Castroverde, e conservada hoxe no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Non obstante, tamén podería pertencer ao célebre rinoceronte lanudo ( Coelodonta antiquitatis ), unha especie ata agora non documentada en Galicia, pero si en Asturias e noutros puntos da Península.
Ademais do referido fragmento de moa, en Cova Eirós apareceron varios restos óseos das extremidades dun animal de grande porte que aínda non foi identificado, pero que en opinión dos investigadores, podería ser o mesmo exemplar de rinoceronte.
Precedentes
Polo que respecta aos restos de oso cavernario ( Ursus spelaeus ), a súa presenza en Cova Eirós xa estaba documentada anteriormente grazas ás investigacións que realizou neste lugar a propia Aurora Grandal entre 1989 e 1994. Nesa época desenterráronse osamentas de varios exemplares desta especie extinguida de plantígrado, cuxa idade foi fixada en torno aos 24.000 anos. Nas escavacións deste ano encontráronse tamén restos de oso pardo común ( Ursus arctos ), así como de cervos, corzos e rebezos. Todos estes vestixios biolóxicos compoñen, de acordo cos investigadores, un mostrario típico da fauna característica do norte da Península durante o Pleistoceno Superior. A presenza dun animal como o rinoceronte, aínda que en Galicia parece algo pouco común, é en realidade un elemento característico da fauna europea desa época. «O que sucede en que en Galicia aínda está moi pouco investigada a fauna do Cuaternario e por iso aínda parece raro encontrar restos de rinoceronte, pero en zonas como Cantabria ou o País Vasco xa está documentadas estas e outras especies desde hai moito tempo», explica Aurora Grandal.
O estudo da fauna localizada en Cova Eirós servirá para coñecer mellor o tipo de vida dos habitantes humanos que ocuparon a caverna en diversas épocas da prehistoria e para reconstruír as súas estratexias de alimentación e caza. Como xa se anunciou hai varios meses, esta cova contén industrias atribuibles ao home de neandertal e ao Homo sapiens moderno.