Os organizadores do célebre festexo de Salcedo restrinxirán a toma de imaxes para evitar estorbos
10 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A profusión de cámaras fotográficas e de vídeo que caracteriza desde hai anos a festa do Oso Salcedo, na Pobra do Brollón, terá serios límites desde agora.
Os organizadores do célebre festexo do luns de Entroido establecerán restricións para impedir, segundo explican, que a excesiva presenza destes aparellos desfigure o seu sentido.
Cando o Oso e os seus criados saian ás rúas de Salcedo o próximo día 23 -a partir das cinco da tarde-, os medios de comunicación e os asistentes terán un prazo de vinte minutos para captar imaxes da peculiar celebración.
Pasado ese tempo, os organizadores non se farán responsables dos danos que poidan sufrir as cámaras a consecuencia dos ataques do Oso e das carreiras e empurróns conseguintes. Existirá tamén a posibilidade de tomar imaxes desde ventás ou balcóns e algún punto fixo situado nas rúas da aldea. Pero esta opción só se ofrecerá aos medios de comunicación e haberá que negociala cos organizadores.
Seguridade e estética
«Cada vez é máis difícil celebrar a festa a causa de tanta cámara e pensamos que había que poñer un límite», sinala Teddy López Pedredo, presidente de asociación veciñal que mantén viva esta tradición. «Se o Oso e os criados non poden correr e botarse enriba da xente con tranquilidade, por medo a romper un aparello caro, o festexo perde todo o seu sentido. A partir de agora, desde que acabe o prazo, que ninguén se queixe se lle estropean a cámara», engade. Ademais dos motivos de seguridade, López sinala que o exceso de cámaras distorsiona a estética tradicional do festexo.
A medida, por outro lado, segue o exemplo das restricións ao uso de cámaras que se implantaron en diversas localidades da área pirenaica onde se celebran carnavais de osos similares ao de Salcedo e onde se daba o mesmo problema.