Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Matalobos», un «thriller» con acento lucense

LUGO

Varios actores da provincia protagonizan a ?serie de Voz Audiovisual que a TVG estreará mañá en horario de máxima audiencia

12 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O líder dun clan do narcotráfico galego, Carmelo Matalobos. O seu fillo adolescente. Unha irmá que quere manterse afastada dos negocios escuros traballando nunha conserveira. Un comandante da Garda Civil que persegue o crime. O dono dun taller de reparación de lanchas que herdou do seu pai. Estes son algúns dos papeis principais interpretados por actores lucenses en Matalobos , a serie policíaca producida por Voz Audiovisual que Televisión de Galicia estreará mañá pola noite, en horario de máxima audiencia, xusto antes da última emisión da temporada de Padre Casares .

«En Lugo hai unha canteira moi boa de actores», destacou días atrás o lucense Antonio Mourelos, que no thriller dará vida a Santiago Táboas, tenente da Benemérita. Unha visión que comparten o protagonista absoluto da serie, o actor de Riotorto Luis Iglesia Besteiro, e o seu fillo na ficción, o rabadense Dani Lago Barreiro. Os dous destacaron a extraordinaria calidade dos guións e a «novidosa e moderna» realización. «O equipo multiplicouse, foi unha serie milagro, o resultado é espectacular». «Estou expectante e ilusionado por ver a acollida da audiencia, pero coa satisfacción de ter feito un traballo moi bo», indicou Luis.

A trama de Matalobos transcorre na vila ficticia de Sardiñeira, un pobo costeiro no que conviven os Matalobos, os Campos e os Viaño, tres familias relacionadas co narcotráfico que experimentan momentos convulsos de cambio, ao tempo que a xente que os rodea sofre, dunha ou doutra maneira, as consecuencias do negocio criminal.

«O pai dos Matalobos xa se dedicara ao trapicheo co tabaco, e á súa morte fíxose cargo do negocio a súa muller, dona Carme, que é como unha mamma ou consiglieri », detallou Iglesia. Un irmán «descarriado», garda civil, ou unha xuíza ambiciosa son outras das personaxes.

O artífice de «Padre Casares»

Ideada por Carlos Portela, «a mente preclara do audiovisual galego», en colaboración con Víctor Sierra; e dirixida por Toño López e Jorge Saavedra, a produción ten 22 capítulos de 50 minutos de duración cada un. Ao marxe da trama principal, cada dous capítulos preséntase unha historia independente, con principio e final. A primeira parte emitirase na noite dos luns, e a segunda na dos martes.