Unha ruta co río Lor como testemuña

C. López

AGRICULTURA

A asociación Santo Grial acondicionou e sinalizou un roteiro de longo percorrido entre O Cebreiro e Augasmestas, en Quiroga, que discorre case paralelo a ese cauce

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Castros, muíños, soutos, igrexas, ferrerías, pontes, miradoiros, penas, fragas e montes son algúns dos elementos que se van atopar os camiñantes que percorran a Ruta do Lor. Este roteiro de 68 quilómetros entre O Cebreiro e Augasmestas vén de ser sinalizado e acondicionado pola Asociación Santo Grial do Cebreiro, que colocou sinais de madeira e instalou merendeiros de pedra por todo este longo percorrido que discorre case paralelo ao cauce do río Lor.

O punto de partida desta ruta non podía ser máis significativo. Dende ese grande miradoiro que é Cebreiro, os que se aventuren por este percorrido poderán contemplar os cumes dos Ancares, por unha banda, e a conca do ría Navia, pola outra. Abundan ademais no inicio deste roteiro os bosques de faias, como o de Latas de Barxamaior ou da lagoa de Táboas, e mesmo as plantas de propiedades medicinais.

Deixando atrás O Cebreiro, a primeira paraxe que se atopa o camiñante é a da Fonte do Rei, que marca os lindes da parroquia de Liñares, cuxo nome moi probablemente obedeza a que foi o liño a base económica desta zona.

O muíño de Pedrodaira invita aos paseantes a facer un primeiro alto no camiño. Construído en 1923 polos donos da Casa de Pedrodaira, conta cun anexo para acoller ás cabalerías e aos carros que traían o grao ao muíño e levaban a fariña. Cinco quilómetros despois atópase o castro de Santalla, do que pouco se pode dicir, xa que están pendentes as autorizacións para levar a cabo as escavacións arqueolóxicas.

Ata chegar á igrexa de Esperante, os que percorran esta ruta poderán ir deleitando a súa vista cos soutos, como o de Mostade, ou coas cabanas, como as de Paparón. Estas construcións feitas con palla, madeira ou pedra, utilizábanse para gardar os apeiros de labranza, ou ben para gorecerse o gando nas épocas nas que ía pacer ao monte. Nesta zona da provincia lucense, as cabanas empregábanse máis ben para almacenar a herba e as castañas.

Bañada polo río Pequeno, San Pedro de Esperante, freguesía anexa á parroquia de Seoane do Courel, da que dista uns once quilómetros, conta cunha igrexa que garda no seu interior tres retablos de feitura barroca, destacando o situado sobre o lateral dereito do templo.

Moi preto desta igrexa atópase a ferrería de Seoane do Courel, tamén coñecida polo apelido do seu dono, Locay. Esta ferrería foi o auténtico motor económico da zona. Construída no ano 1808 para transformar o ferro procedente do monte Formigueiros, sufriu ao longo do tempo grandes transformacións segundo as necesidades, chegando a funcionar como serradoiro, como muíño, e xa finalmente como central hidroeléctrica capaz de abastecer o pobo de Seoane. Aínda que na actualidade está en desuso, conserva ben a súa estrutura, cos seus altos muros de granito e lousa.

Ata chegar a Augasmestas, punto de destino desta ruta, o camiñante irase atopando con pontes, penas, miradoiros e soutos, como o de Paramedela, que lle farán máis levadeiros eses 68 quilómetros.